A plataforma 'Todos Contra o Canon' segue traballando arreo contra a imposición do pago de dereitos de autor pola compra de soportes dixitais virxes. Despois da Unión Europea e do Defensor do Pobo, este colectivo preséntase nas oficinas do Ministerio de Cultura con 669.000 asinaturas en contra do canon. Mentres varios personaxes da farándula española como Pedro Almodóvar, Víctor Manuel ou Paloma San Basilio acudían a Bruxelas precisamente para respaldar o cobro do canon, 'Todos Contra o Canon' segue pedindo "transparencia, proporcionalidade, e a resolución rápida de conflictos" relacionados co asunto. Ademais, e dado que nin os usuarios nin os vendedores minoristas están representados na mesa negociadora da nova Lei de Propiedade Intelectual, 'Todos Contra o Canon' solicitou tamén ao Ministerio a súa admisión nas negociacións representando a ambos grupos.