Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta disporá de 10.785 millóns de euros

As contas de 2007 priorizarán o desenvolvemento económico e as políticas sociais

O Goberno galego aprobou hoxe o proxecto de orzamentos do vindeiro ano. O bipartito quere que o gasto público acade os 10.785 millóns de euros, un 8,3% máis ca en 2006. Os dous retos principais serán o desenvolvemento económico do país e a mellora da cobertura social. A educación e o equilibrio territorial tamén son eixos prioritarios.

- 16:20 19/10/2006
Tags:

PSdeG e BNG acordaron unha partida de 2.161 millóns de euros para "educación e formación do capital humano". Dentro deste capítulo cóntase a extensión da gratuidade dos libros de texto a 212.500 alumnos ou as axudas para que 10.000 novas familias poidan acceder a un ordenador. As bolsas para estudar inglés no estranxeiro duplican o seu número con respecto o ano pasado.

En I+D+i e desenvolvemento empresarial a Xunta fai un esforzo máis intenso e destina un orzamento de 401 millóns de euros, un 17% máis ca en 2006. O programa de fomento da sociedade da información experimentará un incremento do 50% no seu volume.

O emprego estable e de calidade é tamén unha das prioridades. Con 331 millóns de euros, o Goberno galego prevé crear 35.000 novos empregos. O presidente, Emilio Pérez Touriño, subliñaba logo de rematar o Consello da Xunta que os 31.000 empregos que se comprometera a crear a Xunta en 2006 van ser unha realidade a final de ano.

O apartado de benestar social contará cun montante que sobrepasa os 4.000 millóns de euros. Os tres grandes áreas beneficiadas van ser sanidade, dependencia e vivenda.

O fondos para o equilibrio territorial aumentan case un 10% e chegan os 225 millóns de euros. Con estes cartos preténdese corrixir as diferenzas entre as comarcas galegas e favorecer aquelas que teñen máis problemas dotacionais

Reducións fiscais

No referente ao fomento do autoemprego, haberá unha dedución de 300 euros para os que inicien a actividade empresarial ou profesional. A medida beneficiará aos homes menores de 35 anos e a todas as mulleres. No relativo as sucesións e doazóns, os orzamentos do vindeiro ano facilitarán o acceso á vivenda á mocidade con reducións do 95% da base impoñible ata os 30.000 euros. As persoas cunha incapacidade igual ou superior ao 65% verán reducido o imposto de compra dunha vivenda do 7 ao 4%.


Ligazóns

0/5 (0 votos)