A participación de moitos deles xa estaba acordada desde hai ben tempo, pero ata agora no se fixeran oficiais as fichaxes. O Karpin Galicia e dez ciclistas galegos asinaron este martes os seus contratos co que será o primeiro equipo profesional. Malia as contratacións, o conxunto dirixido por Álvaro Pino segue a traballar na planificación da tempada. O mesmo Pino asegurou no acto que "estamos desexando mostrar nas estradas que somos un equipo sólido, serio e, sobre todo, un proxecto de futuro".
Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo César Veloso, Luis Oliveira, Ramón Troncoso e Gustavo Domínguez serán corredores do Karpin Galicia a partires do 1 de xaneiro do 2007. Ademais destes corredores, asinaron este martes o seu contrato co equipo galego o corpo técnico encargado de dirixir ao conxunto e os catro novos profesionais que xa tiñan un precontrato.
O Karpin Galicia aínda está negociando con outros ciclistas, tanto galegos como de fóra do noso país, para terminar de confeccionar a nómina de corredores necesarios para "afrontar a campaña coa máxima ilusión".
O director do equipo, Álvaro Pino, expresou a súa satisfacción por como están a ir os acontecementos nestes meses de intenso traballo de cara á próxima tempada. "Estamos desexando que chegue a nova tempada para poder amosar a nosa ledicia por este equipo e mostrar nas estradas que somos un equipo sólido, serio e, sobre todo, un proxecto de futuro", afirmou Pino.