A formación Terra Galega anunciou en Santiago que nos vindeiros días vai comezar unha forte campaña de publicidade para dar a coñecer o seu proxecto entre os galegos de cara ás municipais. Con esta finalidade, van colocar máis dun cento de reclamos publicitarios en puntos estratéxicos de todo o país. O lema é "hai máis Galiza" e con el queren facer ver que hai espazo político para unha "forza nacionalista de centro".
O presidente de Terra Galega, o que fora membro de Coalición Galega Pablo Padín, presentou en Compostela unha campaña que quere deixar claro que "hai máis partidos que os representados hoxe no Parlamento de Galiza. Somos unha tendencia moderna, emprendedora e solidaria. Somos un partido nacionalista de centro. Terra Galega é un partido municipalista". Segundo explicaron os seus dirixentes, Terra Galega quere fuxir tanto das decisións que veñen de Madrid e "hipotecan" a PP e PSOE como das "políticas extremistas" do BNG.