Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SEIS FILMES GALEGOS EN COMPETICIÓN

O festival de cine de Ourense terá este ano máis documentais

O Festival Internacional de Cinema Independente de Ourense, que se celebrará dos días 4 ao 11 de novembro, presentou esta mañá o programa da sección oficial. Nela, o apartado adicado aos documentais ten este ano como gran novidade a incorporación do premio ao mellor director, ademais de ser a sección que máis medrou de entre todas. Un total de seis producións galegas competirán nas distintas categorías.

- 12:12 17/10/2006
Tags:

A terceira sección oficial dedicada aos documentais presenta este ano como novidade a incorporación dun novo premio adicado ao mellor director da mostra. O apartado de documentais é o que máis medrou porcentualmente, xa que na preselección participaron 225 traballos, dos que foron escollidos os dez que compiten polo premio, un deles producido en Galiza, 'Pensando en soledad', de Marcos Nine. A temática abordada nos traballos é moi variada con temas de actualidade como o conflito palestino ou o 11-M e curiosos aspectos da historia de España como a chegada dos hippies a Ibiza ou a famosa fuga masiva de presos da cadea franquista do Fuerte de San Cristóbal.

A categoría de longametraxes, na que compiten dez películas, presenta este ano como característica máis destacada a achega de varias óperas primas de directores noveis avalados pola alta calidade dos seus traballos. Canda eles, aparecen cintas de realizadores como o arxentino Carlos Sorín, que presenta o seu último traballo Camino de San Diego, galardoado recentemente co premio do xurado no Festival de San Sebastián 2006. Tamen competirán outras películas premiadas noutros certames como "Grabavica", Oso de Ouro en Berlín 2006 e "Indígenas", premio colectivo ao grupo de actores da cinta no Festival de Cannes 2006.

Haberá unha longametraxe galega na sección oficial, o traballo de Mario Iglesias, Madres. Ademais, contaremos con catro filmes no apartado de curtas e un documental. O cineasta pontevedrés autor tamén de De Bares, será o que acade unha maior representación no festival coa exhibición deses seus dous filmes. El castigo, Isabel Ayguavives, Máxima pena, de Juanjo Giménez e Baseado en feitos… que puideron ter acontecido, de Xosé Antón Perozo "Ozo" e o documental 'Pensado en soledad', de Marcos Nine completarán a presenza galega. Ademais, no premio Eixo Atlántico, reservado a produccións de Galiza e Portugal, competiràn un total de seis traballos.

A pluralidade de países participantes na categoría de curtametraxes é a característica máis destacada desta sección, na que competirán 60 traballos. Para algúns países, como Chipre ou Sudáfrica, será a primeira vez que estean presentes no Festival. Como é tradicional nas dez edicións anteriores, a presenza máis numerosa corresponde a produccións españolas, seguidas polas francesas e as alemanas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: