Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
O ENCONTRO MARCOU O INICIO DAS ACTIVIDADES, QUE SE ESTENDERÁN ATÉ NOVEMBRO

Amnistía internacional reuniuse en Vigo para falar da pena de morte

Este martes celñebrase o Día Mundial Contra a Pena de Morte. Amnistía Internacional organiza un debate sobre a pena capital no IES Santa Irene en Vigo como inicio das súas actividades neste eido. No acto participou Flor Baena Alonso, irmá de Xosé Humberto, un dos dous vigueses executados o 27 de setembro de 1975 polo réxime franquista. Lembraron os países que aínda executan presos e tamén aqueles 129 que deixaron de facelo, ademais de falaren sobre as constantes lapidacións que se realizan contra as mulleres, entre outros actos contra a vida das persoas en todo o mundo.

- 08:07 10/10/2006
Tags:

Amnistía Internacional inicia, a partir do 10 de outubro, unha campaña na provincia de Pontevedra contra a pena de morte que se estenderá até finais de novembro baixo o lema ¡Alza a túa voz contra A Pena de Morte! O acto inicial foi un debate sobre pena de morte Sala de Audiovisuais do Instituto Santa Irene, situado na Praza de América en Vigo. No acto intervirán Flor Baena Alonso, irmá de Xosé Humberto Baena Alonso, ex alumno do IES Santa Irene e un dos cinco últimos executados polo réxime franquista en España o 27 de setembro de 1975 e Alberto Estévez Suárez, voceiro de Amnistía Internacional.

Amnistía Internacional di oporse á pena de morte en todos os casos porque a considera "a forma máis extrema de pena cruel, inhumana ou degradante e unha violación do dereito á vida". Desde a asociación, lembran tamén que a execución por lapidación agrava a brutalidade a pena de morte e é un método concibido especificamente para aumentar o sufrimento da vítima. Actualmente, hai cando menos sete mulleres iranís en risco de execución por lapidación.

Segundo os datos dos que dispón Amnistía Internacional, no ano 2005 leváronse a cabo no mundo, cando menos 2.148 execucións en 22 países. Esta cifra recolle só os casos que a organización chegou a coñecer. Os membros de AI chaman á atención de que a cifra real de execucións pode ser moito maior. Ademais, recalcan que o 94% destas execucións se produciron en catro países: China (1.770 execucións coñecidas, aínda que segundo cálculos de expertos chineses, todos os anos son executadas entre 8.000 e 10.000 persoas), Irán (94 execucións coñecidas), Arabia Saudí (86 execucións coñecidas) e Estados Unidos (60 persoas).

Chegan algunhas esperanzas
Se ben, desde a organización, lembran que, a pesar de que en 68 países se mantén a pena de morte, nos últimos 30 anos rexistrouse unha tendencia clara cara a súa abolición en todo o mundo. En 2006 a tendencia continuou, sumándose Filipinas á lista de países abolicionistas. Destacan tamén que Moldavia reformou a súa Constitución en xuño de 2006 para prohibi-la pena capital en toda circunstancia. Sen embargo, "hai que lamentar que en países como Estados Unidos siga condenando a morte e executando a persoas con enfermidade mental e que noutros como Irán e Pakistán se executase a menores durante 2006", critican.

O impulso a favor dun mundo sen execucións foi gañando forza e en 2006, din desde AI, xa que ten habido máis avances cara un mundo sen pena de morte, ao poder contar casos coma os dos gobernos de Filipinas e Moldavia, que deron os pasos precisos para a súa abolición no caso de Filipinas; e de reforma da Constitución para prohibi-la súa aplicación no de Moldavia. Isto eleva a 129 o número de países que deixaron de usa-la pena capital na lei ou na práctica.

Constitución española e pena de morte

43 constitucións no mundo prohiben expresamente a pena de morte. En 1995 eliminouse do Código Penal Militar español a posibilidade de aplicala en tempos de guerra, pero o texto constitucional segue facendo unha mención expresa a pena de morte no artigo 15. Para Amnistía Internacional, esta mención debería ser eliminada e nela habíase incorporar unha prohibición expresa do uso a pena de morte en España. Por outra parte, España aínda non ratificou o protocolo 13 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos polo que se quere converter a Europa nunha zona libre de pena de morte. Este Protocolo foi ratificado ata a data por 33 estados.

Na actualidade hai dous españois condenados a morte no estranxeiro, Paulo Ibar en EE.UU. e Nabil Manakli no Iemen. A outro cidadán español, Paco Larrañaga, foille conmutada a pena de morte en Filipinas por unha pena a cadea perpetúa.

A Coalición Mundial contra a Pena de Morte fórmana Amnistía Internacional e máis de 53 organizacións, colexios de avogados, sindicatos e autoridades locais e rexionais, elixiron para o Día Mundial Contra a Pena de Morte o lema de "A pena de morte, un fracaso da xustiza".


0/5 (0 votos)