Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[DEPORTE GALEGO]

Echávarri, Paz e Portela, galardoados nos ‘Premios Galicia Deporte 2005’

A Dirección Xeral para o Deporte celebrará este xoves a gala de entrega dos ‘Premios Galicia Deporte 2005’ na que recoñecerá os mellores deportistas, adestradores, eventos e entidades do ano 2005. A cita comezará ás 20:00h no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago e nela premiaranse a deportistas como Fernando Echávarri, Antón Paz, Tareixa Portela, Gómez Noia ou Tamara Abalde.

- 17:05 03/10/2006
Tags:

A parella de regatistas Fernando Echávarri e Antón Paz e a palista Tareixa Portela foron elixidos como mellores deportistas galegos do ano 2005, despois de que o xurado estudase as propostas das respectivas federacións así como de outras entidades relacionadas co deporte.

Echávarri e Paz obtiveron no 2005 numerosos títulos así como o recoñecemento da Federación Internacional de Vela e Rolex que os nomeou "mellores regatistas do mundo". Pola súa parte, Tareixa Portela acadou no mesmo ano tres medallas no campionato do Mundo, liderando os éxitos do piragüismo galego.

Os premios recoñecerán tamén a dous deportistas con discapacidade, seguindo unha das liñas básicas da Dirección Xeral. Así, o novo xadrecista Ramón Escudeiro (terceiro do mundo sub 20 con só 13 anos) recibirá o galardón que o distingue como o mellor deportista galego con discapacidade, mentres que Alexandra Quinteiro foi a mellor galega na categoría feminina polos seus trunfos co equipo español de esquí nas Olimpiadas de Inverno de Nagano.

Na categoría de mellor equipo masculino o premiado será o Club Triatlón Fluvial de Lugo, que conta cos mellores triatletas galegos que están logrando magníficos resultados a nivel español, europeo e incluso mundial, mentres que na categoría feminina destaca Cabo de Cruz, que se proclamou campioa de España na modalidades de bateis.

Completan o cadro de premiados Pablo Permuy e Dolores Rojas como mellores xuíces; Miguel Méndez e Isaura Hermida como mellores adestradores; Xavier Gómez Noia recibirá o premio á superación; Tamara Abalde como "revelación da tempada"; a Radio Galega polo seu labor informativo, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi premiado polo seu labor a prol do deporte dunha institución pública e o Grupo Academia Postal, no apartado de institución privada. Ademais o Centro de Educación Infantil e Primaria Santa Rita de Galdó recibirá o galardón "Deporte na escola" polo seu traballo a favor do deporte.

A xogadora e adestradora de fútbol sala Beatriz Seijas recibirá o premio pola súa traxectoria deportiva, mentres que o Vilagarcía Basket Cup foi elixido como mellor proxecto dun evento deportivo do ano 2005, e o Meeting Internacional de Optimist, pertencente á Semana Náutica do Atlántico, recibirá o premio como mellor proxecto de promoción deportiva de base.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: