Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APROBADOS OS PRESUPOSTOS XERAIS DO ESTADO CUN 8 POR CENTO DE INVESTIMENTO PARA GALIZA

Os 1.660 millóns só convencen o PSOE

O ministro de Economía, Pedro Solbes, presentou os presupostos xerais do Estado para o 2007 nun lapis de memoria e precedido polo anuncio de Pérez Touriño de que o investimento para Galiza crecería nun 13 por cento, situándose no mínimo do 8 por cento que viñan reclamando todos os partidos. Porén, unha vez aprobado tampouco contentou a oposición galega, que considera os 1.660 de euros destinados sobre todo a estrada e ferrocarril unhas contas "mediocres" e demasiado centradas nas infraestruturas -para o deputado do BNG Francisco Rodríguez- e incompletas por non atender algunhas infraestuturas contempladas no Plan Galicia, segundo o líder do PP galego, Alberte Núñez Feijoo.

- 07:06 27/09/2006
Tags:

As cifras das infraestruturas
Dos 1.660 millóns aprobados, un 73 por cento irán para as infraestruturas e en concreto 693 para o ferrocarril, segundo anunciou o delegado do Goberno español en Galiza, Manuel Ameixeiras, presentando o contido das novas contas do Estado. Ameixeiras destacou que esta partida supera nun 30 por cento o que lle correspondería a Galiza en relación co seu pero no Produto Interior Bruto, e nun 60 por cento en canto ao seu peso poboacional.

A maior parte deste orzamento para ferrocarril irá para a liña Ourense-Santiago, con 440 millóns de euros, mentres que a execución do Eixo Atlántico recibirá unha achega de 151 millóns. O tramo de alta velocidade Medina-Zamora-Lubián-Ourense contará con 53,8 millóns de euros.

As estradas levarán 161,4 millóns, que permitirán iniciar a execución de todos os tramos da Autovía do Cantábrico, e as obras das autovías que comunican a cidade de Lugo con Santiago e Ourense.

Outra partida importante será para o porto exterior da Coruña, que levará 120,3 millóns de euros. Os 3 aeroportos serán obxecto de melloras con 68,1 millóns asignados.

Outra acción importante para Lugo será a mellora da rede de abastecemento de augas, con 16 millóns de euros, mentres que infraestruturas medioambientais recibirán 254,2 millóns en todo o país.

En canto á vivenda, o Executivo pretende construír 3.970 pisos de protección oficial e conceder máis de 1.200 axudas para o pagamento de alugueiros a mozos. Para os centros penitenciarios e de inserción social destinou 13 millóns de euros.

Para o BNG, "manifestamente mellorábeis"
O deputado nacionalista no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, cre que os presupostos son "manifestamente mellorábeis" e que deberían achegarse "como mínimo" aos 1.800 millóns. Neste sentido, o Bloque critica que a porcentaxe de incremento respecto ao anterior exercicio é de pouco máis do 10 por cento, o que "ralentiza o ritmo de crecemetno en relación ao ano pasado que se aproximaba a un 30 por cento".

Lembrou que Galiza segue no sexto lugar en canto aos investimentos del Estado, por detrás de Castela León, e que "só serven para levar a cabo os proxectos que están en marcha non para proxectos novos".

O PP quería 2.300
Pola súa banda ao presidente do PP galego non lle abondan os cartos previstos para infraestuturas, por considerar que se están a retrasar os grandes proxectos de conexión por tren coa meseta e mais a autovía entre Pontevedra e Vigo. O deputado Celso Delgado cre que os presupostos alónxanse moito dos 2.300 que o seu grupo considera necesarios. Ao tempo, os populares cren que fai falta coñecer a cantidade real que o Estado vai investir en Galiza, xa que unha cousa é o investimento previsto e outra o gasto que as entidades públicas acaben autorizando.


0/5 (0 votos)