15 de febreiro de 1977: a Central Térmica de Meirama espállase por unha parroquia que aínda resistía. O lignito que había debaixo das casas da xente que vivía do agro e do gando era un imán poderoso, e comezaron as negociacións. Pero os veciños deste lugar de Cerceda non querían vender o seu por catro pesos, e procedeuse á expropiación forzosa, a golpe de culata. Levaban tres anos loitando, pero aquel día, o Xefe de Minas pisou a terra das Encrobas, logo de moitos feridos e detencións. Agora, case trinta anos despois, Xosé Bocixa (vocalista de Zënzar) colle a cámara para contárnolo, nunha produción de Videa Film, que se preve rematada para finais de novembro. Xa podemos ir vendo o tráiler d'O ceo aberto.
O hiperactivo Bocixa debuta como director e guioniza este proxecto que lle toca ben de preto, sobre a expropiación dunha parroquia da súa Cerceda natal. Na dirección fotográfica está o fisterrán Benjamín Trillo, na realización e edición Mon Soares, a cargo do son Roi Gil, e na produción Roi Carballido, Paco Ramos e Emi Candal. Trátase dunha coprodución de Videa Film e Ignacio Benedeti Cinema, que produciu El regalo de Silvia, Minotauromaquia, La casa de mi abuela e Lobos acosados.
A ceo aberto leva xestándose dende outubro do ano pasado. O documental aborda As Encrobas dende o momento en que se considera a extracción do carbón (1974), un confllito que deu a volta ao mundo nos últimos estertores do franquismo, que favoreceu a expropiación de terras para que Unión Fenosa se encargara da explotación da mina. O acordo chegou cunha manifestación na Coruña na que os labregos contaron cun grande apoio politico, social, sindical, estudiantil, cultural etc
"Aquel acordo só foi respetado en parte e no documento que se está rematando de gravar analízase a evolución da mina, como foi devorando un val que tiveron que abandonar paulatinamente preto de mil persoas", contan dende a produción: "O Concello de Cerceda pegou un xiro na súa base económica e a agricultura e gandeiría foi esmorecendo a costa da minería. Actualmente a mina de carbón esgota as súas reservas, a Central Térmica ten que adaptarse a outras enerxias e Cerceda enfocou o seu futuro cara á gran industria que actualmente hoxe representa Sogama, industria contaminante que os responsábeis pretenden combinar con ocio e turismo."