Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[FÚTBOL]

O secretario da federación de fútbol chegou a cobrar cada dous meses gratificacións de 5.400 euros

Ramón de Llano, secretario xeral da Federación Galega de Fútbol, recibiu desde marzo do 2005 ata xullo do mesmo ano máis de 13.500 euros en concepto de "gratificación polos traballos realizados". É só unha mostra do desbalde e irregularidades que presentan as contas do ente federativo e que vén denunciando nos últimos días o programa ‘Caneando’ da Radio Galega. Gz-deportiva presenta a continuación algunhas copias dos recibos que este venres serán analizados no Comité de Xustiza Deportiva.

- 18:47 21/09/2006
Tags:

Case 100.000 euros ao ano. Segundo Plácido Díaz, presidente da Asociación de Clubs Galegos de fútbol, ese é o salario base de Ramón de Llano, o secretario xeral da Federación Galega de Fútbol. Ao soldo, que se repartía en 17 pagas de 6.000 euros, sumáronselle as continuas "gratificacións" que recibía de parte do presidente da Federación, Xulio Meana.

Estas gratificacións chegaron a entregarse cada dous meses en concepto de "traballos realizados", sen concretar o motivo. Así, nos meses de marzo e maio do 2005 de De Llano percibiu dúas destas gratificacións por valor de 5.401 euros, mentres que en xullo dese mesmo ano cobrou unha de 2.717. En total uns 13.519 euros a maiores do seu salario en só cinco meses.

No mes de xullo de 2004 a gratificación non foi tan cuantiosa xa que tivo un valor de 910 euros. Aínda así, ao tratarse dun mes no que se percibía paga extra, De Llano percibiu por duplicado dita cantidade.

Un ano antes, en maio de 2003, o secretario recibiu outra gratificación, pero desta vez o motivo concretouse máis aló do "traballos realizados". Llano ingresou 1.818 euros en concepto de "Gratificación do presidente da FGF pola súa reelección".

De Llano e o viño, o teléfono e as rodas do Audi
O Comité de Xustiza Deportiva tamén analizará este venres as diferentes facturas de gastos privados que o secretario cargou ao seu organismo. O 2 de decembro do 2004 o taller AGS da Coruña realizou un cambio de cubertas e un equilibrado de rodas nun automóbil de marca Audi. En total, sumando a man de obra, 742 euros que foron cargados ás contas federativas. Este gasto podería ser comprensíbel se a Federación non pagase tamén os desprazamentos a 0,17 euros o quilómetro.

Só unhas semanas despois, o 23 de decembro dese mesmo ano, o grupo de bodegas Alvino facturou 853 euros ao organismo por tres caixas de viño e tres lotes de alimentación. Malia isto, a dirección do envío non é a sede do organismo, se non o domicilio de Ramón de Llano.

Outra das irregularidades que estes días denunciou o programa ‘Caneando’ da Radio Galega son as diferentes facturas telefónicas particulares cargadas nas contas da entidade. Así, no mes de febreiro de 2005, a contabilidade reflicte un cargo de 79,40 euros correspondentes á factura do domicilio particular do secretario xeral.

O Comité reúnese este venres
Será as doce do mediodía deste venres cando comece a xuntanza do Comité de Xustiza Deportiva en relación coas presuntas irregularidades da Federación. O organismo está presidido por polo avogado vigués Carlos Borrás Sanjurjo, e valorará se abrir expediente para dilucidar se se incorreu en falta moi grave ou non.

O Comité, dependente da Xunta, é a máxima autoridade en Galiza no que a xustiza deportiva se refire.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: