O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, compareceu hoxe en rolda de prensa para anunciar as diferentes accións que o seu departamento porá en marcha ante os "posíbeis indicios de irregularidades" nas contas da Federación Galega de Fútbol. Domínguez asegurou que logo de ter examinado a documentación presentada pola Asociación de Clubs Galegos de Fútbol, "mañá mesmo será remitida de oficio ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, órgano encargado de abrir expediente se se está incorrendo en falta moi grave". O director xeral tamén anunciou a paralización das subvencións á federación e anticipouque este mércores manterá co presidente federativo, Xulio Meana.
"Esta dirección xeral nunca vai permitir que se xogue cos cartos dos clubs de base deste país". Deste xeito Santiago Domínguez amosaba este martes en rolda de prensa a súa preocupación ante as posíbeis irregularidades nas contas da Federación Galega de Fútbol.
O máximo dirixente do deporte galego xa anunciou que será o Comité Galego de Xustiza Deportiva o encargado de analizar o suposto desbaldo nas contas da federación. Domínguez afirmou que foi o pasado venres cando recibiu a Plácido Díaz, presidente da Asociación de Clubs Galegos de Fútbol, quen "presentou ante a dirección xeral unha documentación da que se desprende que podería haber indicios de irregularidades, o que suporía incorrer nunha infracción moi grave debido á incorrecta utilización dos cartos públicos". Ao mesmo tempo lembrou que é obriga do seu departamento velar para que as subvencións se empreguen axeitadamente.
Será o Comité Galego de Xustiza Deportiva o encargado de analizar os documentos presentados, "órgano encargado de abrir expediente para dilucidar se se está incorrendo en falta moi grave". De ser así, a dirección xeral podería chegar a suspender de forma provisional o presidente da federación ou a aquelas persoas que tivesen incorrido na falta.
Domínguez subliñou que "esta dirección xeral nunca vai consentir que se xogue cos cartos dos clubs de base deste país, porque todos sabemos o esforzo e o sacrificio que son necesarios para recadar os cartos co que pagan as súas licenzas ás federacións". Por iso, o director xeral insistiu en que o deber da Administración é actuar conforme á lei e "non permitir que estas condutas teñan lugar no noso deporte, porque están en xogo os cartos dos nosos clubs".
Á espera de que o comité se pronuncie sobre o caso, a dirección xeral paralizará de momento as subvencións que a federación recibe deste órgano e, ao mesmo tempo, xa se anunciou unha xuntanza entre Domínguez e o presidente da federación para mañá ás 13.30 horas.