Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
PERSPECTIVA DA LOITA E MARTIRIO DUN GRANDE GALEGUISTA

A Imprenta de Ánxel Casal

Agora que o país sae da fragua do estío, esmorece agosto, mes onde se cadra se cumpla a vontade dos mártires. Lonxe da inviabilidade de soster un acto de alto calado emocional após o Día da Patria -Galiza ardente eucalipto abaixo-, as rúas de Ferrol lembran (agardo) as descárregas dolosas sobre o corpo guerrilleiro de Reboiras cando asemade os piñeiros da Caeira sosteñen o exceso ruín da morte sobre Bóveda (se é que non prenderon nas labaradas confusas que asulagaron as fragas). Por Amauta Castro.

- 15:37 07/09/2006
Tags:

Pero hogano, a miña procupación, e supoño que a doutros moitos, diríxese cara á digna representación do cabodano dun home que atravesou 20 anos que describiron unha das xeiras máis produtivas da nación. Falo do irmán Ánxel Casal, aparecido morto nunha gabia do lugar de Cacheiras un 19 de agosto do 36. Pasaba só un mes da vergoña húnica, cando o corpo do Alcalde frentepopulista de Compostela amosou o martirio deshumanizador do golpismo fascista ou feixista.

Falo eu, dunha súa loita que se estendeu desde 1916 até o día derradeiro. Casal, home de ben que sufriu a emigración americana e europea (Bos Aires-Burdeos), sumou o seu pulo ao da primeira Irmandade da Fala (1916) aló na súa cidade natal, A Coruña. Casal vitalizou con forza enorme as Irmandades sendo protagonista na edición do seu voceiro, A Nosa Terra.

Era Casal un mozo inspirado na idea galeguizadora de Antón Vilar Ponte e impresionado pola visita de Cambó a Galiza (cando una delegación da Lliga Regionalista visitara o país). Mozo que, envolveito nas actividades das Irmandades da Fala enceta canda Leandro Carré Lavarellos, o labor editorial que continuou o resto da súa vida. A necesidade dunha autonomía editorial no seo do movimento xa fora plantexada por A. Vilar Ponte e X.V. Viqueira. Nembargantes, non é até 1924 cando Casal bota a andar a Editorial LAR desde A Coruña. É no obradoiro de LAR onde nace unha colección de novela curta e a impresión dos "Arquivos" do Seminario de Estudos Galegos. Ánxel Casal incansábel crítico esixe rematar coa liña bilingüe que sostiña o Seminario de Estudos Galegos, e é na súa época cando o Seminario edita Arredor de Si, As cruces de pedra na Bretaña ou o Corpus Petrogliphorum Gallaeciae (téndose coñecemento tamén, dunha edición inacabada do Codex Calixtinus).

Namentras, a liña da historia enréstrase entre o Seminario e o grupo NÓS que, malia aparecer constituído en 1920, non contará co apoio de Ánxel Casal até o ano 1925 cando se fai cargo da revista do devandito grupo. A revista NÓS, que até o momento só levaba impresos 18 números, chega ao non desprezábel número 144 grazas ao compromiso de Casal e ao seu padecemento persoal e económico.

Nestes anos o devalar político do galeguismo vai facendo entrever a necesidade da reorganización do movimento e dun reaxeitamento das súas liñas de acción. Son xa moitos, amais de Ánxel Casal, os que vén a necesidade de dar o salto do mero resistencialismo cultural cara á actividade política pura. Son os tempos das Asembleas de Lugo e Monforte, onde Casal mantense dentro do espectro político marcado por Risco e Castelao. Nembargantes Casal é un fervoroso republicano, un home que puxo por riba a unidade do galeguismo (diante do que for), pero que ve en Risco un impedimento para as súas ideas autonomistas e republicanas. É por iso que movido por Antón Vilar Ponte, se integra na ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) onde Casares Quiroga lanza un proxecto supostamente autonomista e republicano. Mais cedo foi o tempo en que as posturas estatalistas se antepoñen á problemática galega dentro da ORGA, e Casal deixa a organización antes da propia crise do proxecto (do que Vilar Ponte inda non abdicara).

Dentro daquel devalar do galeguismo, a Ditadura de Primo de Rivera exerce unha dura represión sobre o movimento e comeza unha progresiva politización do galeguismo. A finais da década dos 20 entra no cenario político o autonomismo galego, co Manisfesto de Barrantes. E finalmente aparece o Partido Galeguista onde converxe todo o espectro nacionalitario galego e onde Bóveda e Castelao levan o lábaro da unidade partidaria de tantos e tantos sectores ideolóxicos. Casal súmase ao Partido e canda Lugrís Freire e o conxunto do P.G., apreséntase volcado na campaña autonomista, dándolle cobertura propagandística desde a editorial NÓS.

Ánxel Casal sostén unha entrega militante que, desde as Irmandades, sempre mantivera e pona desta vez do lado do que desde sempre fora o seu soño, o partido dos galegos, o Partido Galeguista. Pero claro está, que nos grandes debates, o republicanismo de Casal faise notar, cun posicionamento claro a prol da postura frentepopulista e do retorno do que fora o seu mestre, Antón Vilar Ponte ( que reentra no galeguismo en 1934).

Daquela, en febreiro do 36, chega a data definitiva, a Frente Popular gaña o Concello de Santiago de Compostela con 8 rexedores do Partido Galeguista. Por unanimidade Casal é elixido alcalde. Comeza pois unha pequena xeira na que da personalidade de Casal saen proxectos como o da "Asociación de Escritores de Galicia", o de dotar dunha rúa co nome de Murguía a Compostela, a campaña estatutaria, etc.

Facendo reconto, e alén do xa subliñado, a paixón de Casal na popularización do libro galego, na exaltación dos valores nacionais, no unitarismo, na galeguización da sociedade de pre-guerra, na dinamización da cultura e das letras; otórganlle un posto de privilexio na galeguidade que Casal gañou sobranceiramente. Obras todas do prelo de Casal e da humilde casa de María Miramontes (a súa dona). Partes dunha historia de mecenado e implicación até a morte que sobreveu.

Que sobreveu, dicía, a morte cando atopado na zona de Arzúa, tralo alzamento ilegal do exército sublevado, o día 4 de agosto do 36 é encadeado e asasinado posteriormente. O 19 de agosto, Ánxel Casal aparece morto en Cacheiras. Arestora solicito pois, a homenaxe merecida polo inxente esforzo e a tarefa inacabábel. Abrángueme o peito a derradeira lección do mestre, a pantasma mortuoria do abrente encancelado de Casal e a figura penitente da redención esfarelada no odio dos facciosos. Ánxel Casal irmán, 70 anos lonxe.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: