A Superliga de billarda LNB 2006-07 botou a andar esta fin de semana na localidade luguesa de Vilamartín-Pequeno no concello de Barreiros. Nunha xornada dominical na que todas as miradas estaban postas en Tokío pola desputa da final do mundial de básquet, a vila galega foi o epicentro do que é a mellor liga de billarda do mundo. O torneo inaugural serviu para situar a cada palanador na Serie A (desputa dos títulos) ou na Serie B (loita polo ascenso).
Nesta primeira xornada, foron seis as franquicias participantes con palanadores que percorreron centos de quilómetros para estar na estrea da Superliga. O público abarrotou as bancadas neste comezo de tempada no que se elixía aos xogadores que desputarán a Serie A e a Serie B.
Palanadores dos Fanecas Bravas, Bíteres, Sporting Billardeiro, EkipA SaFaRi, os Tronos do Masma e os Garañóns de Corneiría participaron nesta xornada inaugural que deu comezo oficialmente cun espectacular berro de María Xosé Rodríguez no programa ‘Máis Berberechos’ da Radio Galega.
Como sempre, a canle oficial do campionato, Tele Varal, estivo presente nos enfrontamentos. Os micros dos reporteiros recolleron as declaracións das dúas estrelas debutantes, Xosé e Aitor chegados desde Avilés e Vigo respectivamente.