Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[CICLISMO]

Comeza a Vuelta con Pereiro como un dos grandes favoritos

Menchov, Valverde, Sastre e Vinokurov son os principais rivais cos que se atopará Óscar Pereiro nesta edición 2006 da Vuelta a España. O flamante virtual vencedor do Tour lembra que o seu "gran obxectivo do ano" era esta Vuelta e admite que agora é un dos favoritos e xa non pode explotar o factor sorpresa. A caravana da rolda partirá este sábado ás sete da tarde cunha contrarreloxo por equipos en Málaga. Será o día 2 de setembro cando a Vuelta volva a Galicia cunha tirada que rematará en Lugo. Ao igual que no Tour e na Volta a Portugal, GZ Deportiva realizará un seguimento especial aos nosos corredores.

- 10:07 26/08/2006
Tags:

"Asumo o rol de favorito porque, sobre todo, ese era o meu obxectivo do ano: liderar ao equipo na Vuelta". Deste xeito Óscar Pereiro recoñece que agora todas as miradas están centradas nel. O de Mos comparte protagonismo nesta edición con Menchov, Valverde, Sastre e Vinokurov, aínda que el tamén inclúe nesta lista a Mayo e Zubeldia.

Pereiro compartirá o liderado do Illes Balears co seu amigo Alejandro Valverde aínda que matiza que "a carreira será quen diga quen é o líder do equipo". Malia isto, o galego asegura que "se o un necesita ao outro" dependendo de como de desenvolva a carreira ambos o farán "sen problema algún".

Unha edición innovadora
Esta edición da Vuelta prescindiu de portos míticos como o de Covadonga ou o Angliru. Porén, destaca no trazado a dureza das primeiras xornadas cunha chegada en alto xa na quinta tirada. Pereiro sinala que "houbese preferido unha carreira tipo Tour, deixando o máis duro para o final", co fin de gardar máis tempo a interrogante de quen podo gañar a carreira.

A Vuelta comeza este sábado en Málaga cunha contrarreloxo por equipos e rematará o vindeiro sábado 16 de setembro en Madrid. Logo de máis dunha década sen pasar por Galiza, o pelotón regresa as nosas terras. Será en concreto na oitava tirada que situará a liña de meta en Lugo, despois de pasar por localidades como O Barco de Valdeorras, Quiroga ou Monforte de Lemos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: