"Contra o lume; en solidariedade con todos e todas os que sen respiro están a loitar a diario na extinción dos incendios; para denunciar a irresponsabilidade de quen utiliza o lume contra a riqueza e as potencialidades do noso monte; para reclamar medios para a identificación e detención dos responsábeis; e en defensa dunha nova política para o monte e o medio rural". Velaí o abano de argumentos cos que a Plataforma Nunca Máis fai este domingo o seu chamamento ao conxunto do pobo galego a mobilizarse logo da vaga de incendios que este mes prenderon nos montes do país. A marcha sae ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.
"A sociedade galega non pode ficar indiferente.
Quen queira que pense en poder utilizar estes modos do terrorismo incendiario para atentar, de novo, contra os recursos naturais e a dignidade de Galiza ou para descrédito das capacidades do país non pode deixar de saber da repulsa unánime e contundente de todo o país.
A Plataforma Nunca Máis, ante a situación de emerxencia que, provocada polo lume, hoxe vivimos en Galiza e dende a sensibilidade que nos ten unido na defensa dos nosos recursos naturais, fai un chamamento urxente á sociedade para lograr unha contundente mobilización de toda a cidadanía de Galiza en defensa da riqueza e do patrimonio natural dos nosos montes.
Hoxe, igual que na maré negra do Prestige, todos e todas, da cidade ou do rural, do interior ou do mar, estamos sendo afectados e agredidos por esta vaga de lumes; todos e todas estamos a sufrir os impactos dun lume incontrolado que está a destruír a riqueza e potencialidades do noso monte e que ameaza con converterse nun desastre ambiental para o monte, en primeiro lugar, pero tamén para os ríos e as rías de Galiza.
Nunca Máis entende que neste momento non pode haber máis prioridade que a da loita contra o lume mais tamén se fai imprescindíbel por parte da Xunta de Galiza outra política de ordenación do territorio e un cambio de rumbo nas políticas para o noso monte desenvolvida nas últimas décadas.
Este cambio de rumbo, consensuado cos diferentes sectores implicados, deberá ter como obxectivo a preservación e valorización dos nosos montes, como única garantía de afrontar desde un punto de vista estrutural o compromiso dos poderes públicos coa nosa riqueza forestal e o noso medio natural. Xuntamente con isto, igualmente se van ter que desenvolver novas políticas orientadas ao medio rural, co fin de frear o seu despoboamento, co que iso implica tamén para os nosos montes".