O nadador parapléxico Pablo Cimadevila tivo que desistir o mércores no seu intento de cruzar a nado o Canal da Mancha. A forte ondada e a proximidade dunha borrasca obrigou ao campión paralímpico a retirarse logo dunha hora de travesía. Malia isto, Cimadevila tentará outra vez este xoves realizar o reto xa que, segundo asegurou logo da tentativa do mércores, atópase "fenomenal, mellor do que pensaba e con boas vibracións". Se as condicións meteorolóxicas o permiten, así como as súas forzas, o pontevedrés chegará arredor das catro da mañá a Cap Gris Nez, a metade de camiño entre as localidades francesas de Calais e Boulogne.
Pablo Cimadevila iniciou a súa tentativa do mércores ás 12 horas na praia de Shakespere, entre as localidades inglesas de Dover e Folkestone, e desistiu aproximadamente unha hora despois, cando levaba percorridas unhas dúas millas marinas. Segundo declarou a Solidaridad Digit@l Miguel López, adestrador de Cimadevila, o piloto que asiste o nadador recomendou abandonar a aventura porque se aveciñaba unha "borrasca perigosa á que non se adaptaría e que lle pararía no auga".
O nadador pontevedrés, chegou o pasado 31 de xullo a Dover para tentar cruzar as frías augas do Canal da Mancha, feito que ningún nadador con paraplexía conseguiu no que está considerado como o Everest da natación de longa distancia.