A Federación Española de Ciclismo non seleccionou a oleirense Eva Castro para a súa participación nos Mundiais de ciclismo de montaña de Nova Celandia. Eva Castro non estará nos antípodas malia obter o bronce a pasada semana nos Europeos de fourcross e malia ser a novena do ranquin mundial. Porén, a Federación Española si que seleccionou o andaluz Rafael Álvarez de Lara, que ocupa a posición 26º nesta tempada. O Concello de Oleiros acusou a federación de sexista e de discriminar a Eva Castro.
O preparador técnico da selección española de descenso de montaña, Mikel Zabala, é claro con respecto ás razóns polas que Eva Castro non estará nos mundiais de Rotuora: o diñeiro. A expedición española a Nova Celandia é moi cara, e miran de reducir custos levando unicamente os ciclistas que teñen opción de medalla. "As posibilidades de Eva Castro de meterse no podio son moi escasas", aclara Mikel Zabala.
Eva Castro, que foi varias veces campiona de España (a última en Bilbo hai unhas semanas), que ten participado con éxito en distintas probas da Copa do Mundo (en Vigo foi sexta, por exemplo, e en Escocia undécima), que é novena no ranquin mundial e que acadou a medalla de bronce nos Europeos da pasada fin de semana, non estará pois en Rotuora para competir na súa especialidade, o fourcross. Si que o farán dous descendistas españois de downhill, e en fourcross o andaluz Rafael Álvarez de Lara. No ránquin deste ano, Álvarez de Lara, que foi sexto nos últimos mundiais, ocupa só a posición 26ª.
O concelleiro de Deportes de Oleiros, Antón Tenreiro, acusou a Federación Española de "trato discriminatorio reiterado". Eva Castro acudiu aos Europeos de Alemaña pagando a viaxe do seu peto, dado que a Federación Española tampouco asumiu nese momento nin os seus gastos nin os do catalán David Álvarez. Antón Tenreiro asegurou que "os deportistas galegos teñen que loitar contra a falta de apoios e o maltrato da federación española e si son mulleres peor aínda" e acusou a federación de estar "chea de prexuízos respecto dos galegos e das mulleres".