No ano 2005, emitíronse desde Galiza 41,9 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro. Isto supón unhas emisións por habitante de 15,2 toneladas, unha cifra moi alta que nos sitúa entre os países do mundo que, en termos relativos, xeran máis gases causantes do cambio climático global. Por que estamos nun lugar tan alto na listaxe de países con maior impacto sobre o clima?. A resposta está nas chemineas das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama (Cerceda). Un artigo de Xosé Veiras García.
Se descontamos as emisións das centrais térmicas galegas, as mencionadas máis a de fuel de Sabón, as nosas emisións por habitante serían "só" de 10,1 toneladas, é dicir, practicamente iguais ás do conxunto de España. E é que non hai ningún estado europeo que teña unhas emisións por habitante debidas á xeración de electricidade con carbón tan altas como as do noso país. Séguenos a República Checa, mais a grande distancia.
Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Medio Ambiente, as instalacións industriais galegas integradas no comercio de emisións de dióxido de carbono (CO2) -o principal gas de efecto invernadoiro- emitiron 17,3 millóns de toneladas de CO2 no ano pasado, sendo responsábeis do 41,2 por cento das emisións galegas. O resto das emisións correspóndelles a outras industrias e aos sectores chamados difusos, entre os que o transporte ten un peso moi destacado e cada vez maior.
Todos os sectores emitiron menos CO2 que o que lles foi asignado gratuitamente no Plano Nacional de Asignación de Dereitos de Emisión (PNA) 2005-2007. Todos, agás o sector eléctrico. As centrais térmicas de carbón (As Pontes, Meirama) e de fuel (Sabón) emitiron 14 millóns de toneladas de CO2 , é dicir, un 28 por cento máis que a cantidade que lles foi asignada gratuitamente para o 2005, cantidade que é superior á que lles foi asignada para este ano, á súa vez maior que a correspondente ao 2007.
O maior foco emisor de CO2
A central de ENDESA nas Pontes volveu ser en 2005 o maior foco emisor de CO2 de España e un dos maiores de Europa. E iso sen contar as importantes emisións xeradas, dentro e fóra do noso país, polo transporte dos millóns de toneladas de carbón que ENDESA importa para alimentar a súa central térmica galega. Após o esgotamento da mina de lignito, a partir de 2008, a central das Pontes queimará só carbón de importación, polo que as emisións asociadas ao transporte do carbón serán aínda maiores do que o son hoxe.
As emisións de CO2 das Pontes son de tal magnitude que resultan mesmo superiores ou similares ás de pequenos estados europeos, como Lituania ou Chipre. Isto é así porque se trata dunha central de grande tamaño, da central termoeléctrica española con maior potencia, e porque usa o combustíbel máis nocivo para o clima. Polo seu maior contido en carbono, o carbón é o combustíbel que máis CO2 emite en relación coa electricidade que xera, sobre todo se o comparamos co gas natural. Producir moita electricidade con carbón é un negocio moi malo para o clima. ENDESA leva lanzando desde 1975 unha enorme "OPA hostil" contra o clima desde a súa central das Pontes. Unha OPA pola que só comezou a pagar no ano pasado, ao entrar en vigor o réxime de comercio de emisións, e despois de obter, a xuízo das organizacións ecoloxistas, unha xenerosa asignación de dereitos gratuítos de emisión para a primeira fase de aplicación do comercio de emisións.
Pouco pode facer a central das Pontes para deixar de ser unha industria tan inimiga do clima. A reforma da central que se está a facer para que poida queimar só carbón de importación, suporá, segundo a propia ENDESA, unha redución das emisións dun 10 por cento, debida á mellora do rendemento da central. Non é pouco en termos absolutos, mais o Kwh da central seguirá sendo moi intensivo en carbono. Moito máis do que nos podemos permitir a comezos do século XXI, cando sabemos que é moi pouco responsábel non tomar en serio o problema do cambio climático e non actuar para o atenuar e retardar.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS (nº 110, xullo 2006)