Un 43.5% dos galegos afirma que non chega cara a fin de mes en condicións de afrontar economicamente calquera tipo de "gasto imprevisto" que poida xurdirlle. As tradicionais posicións estatísticas en Galiza en canto a salarios, tradúcense na práctica cotiá en circunstancias como que o 23.7% non gaña abondo para mercar un computador, o 24.4% non pode pensar en mercar coche propio ou o 21.1% non pode manter a vivenda a "temperatura axeitada". Son datos da enquisa sobre condicións de vida realizada polo Instituto Nacional de Estatística, o INE. E alén dos gastos imprevistos, á hora de faceren previsión, os petos das familias galegas non ofrecen abondo para saír de vacacións, xa que o 53.4% dos enquisados aseguran que as súas condicións económicas non lles permiten facer turismo lonxe do fogar nin un mínimo dunha semana, indicador que só é peor en comunidades como Andalucía e Estremadura.