Despois de ter recibido múltiples queixas polo prezo da banda larga no estado español, o Defensor do Pobo, Enrique Múgica, fixo público un comunicado no que defende, tamén, que o servizo de ADSL debería ser máis barato. Despois de comparar os prezos das operadoras españolas cos do contorno europeo e constatar que estes son dos máis caros, Múgica fixo pública a queixa e enviou dúas cartas a Francisco Ros, Secretario de Estado de Telecomunicacións, para solicitar máis información sobre esta situación. A preocupación do Defensor do Pobo susténtase na opinión de que "o pulo da banda larga é fundamental e prioritario" para o desenvolvemento da sociedade da información, e os prezos elevados non son máis que un obstáculo, se cadra dos máis importantes, para o acceso ao ADSL.