A tensión entre os socios do bipartito vai en aumento e comeza a traspasar as portas de San Caetano, chegando ao mundo virtual. Dende hai varias semanas a web da Xunta deixou de publicar as novas e fotografías emitidas polos gabinetes da Vicepresidencia e das consellarías do BNG -Industria, Cultura, Vivenda e Medio Rural-, aparecendo só as xeradas pola Presidencia e as consellarías socialistas. O motivo é a decisión unilateral do BNG de non enviar as súas notas á Secretaría Xeral de Comunicación, xa que din non sentirse representados por ela logo do desacordo nas concesións da TDT Local, hai un mes.
Esta decisión tamén lles afecta ás previsións informativas que a Xunta envía aos medios. Dende o comezo do bipartito a Secretaría Xeral de Comunicación encargábase de recompilar as previsións de todas as consellerías para mandalas aos medios nunha única nota, aínda que logo cada gabinete asumise tamén o envío das súas propias previsións. Agora as notas que envía a Secretaría Xeral poñen "Previsións da Xunta de Galicia" coas de todas as consellarías socialistas o BNG, e Vicepresidencia fai outro envío coas previsións das consellarías do BNG. Vicepresidencia tivo que reforzar así o seu gabinete para atender este incremento no seu traballo, que en principio lle correspondía ao gabinete global, o da Secretaría Xeral de Comunicación.
Pero a postura do BNG a este respecto é radical: non lles van pasar ningunha información máis porque cren que Fernando Salgado non é o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta, senón o do PSdeG, e din non ver representada a política de comunicación do BNG no que debería ser a política de comunicación do Goberno bipartito. A decisión foi tomada a raíz da concesión das licenzas da TDT local hai un mes, que aprobou o PSdeG co desacordo dos membros nacionalistas do Executivo. Parece que o enfado foi tal que o Bloque dá por rachada -ou deixa baixo mínimos- a relación institucional cos socialistas en materia de comunicación, para a que se creara ao abeiro do acordo de goberno unha comisión interdepartamental "presidida polo titular da Secretaría Xeral de Comunicación e da que formarán parte representantes das Consellerías de Economía, Industria e Cultura" encargada de consensuar a política da Xunta en relación cos medios públicos e privados.
Pouca traza de solución
E non se prevé que a situación volva á normalidade a curto prazo. Dun clima de transparencia inédito no Goberno galego no que os cidadáns podían acceder sen mediadores a toda a información xerada pola Xunta, os cidadáns agora só teñen acceso directo ás novas xeradas polo PSdeG. Logo hai recursos para ver as do BNG, nos casos dos gabinetes que teñen web propia, como son Vicepresidencia, Industria e Medio Rural, que colgan as súas propias novas. Quedan fóra as consellarías de Cultura e de Vivenda, que aínda non reformaron as súas webs e neste momento non teñen onde colgar as súas notas de prensa e seguen a depender da consideración dos medios de comunicación.
En calquera caso o propósito orixinal do portal da Xunta dende que se puxo en marcha o novo formato o 12 de decembro do 2005 de "achegar a cidadáns, institucións, empresas e colectivos a todos os servicios que o Goberno ofrece na rede, cunha organización dos contidos máis sinxela e intuitiva, que axilizará as procuras de información e as xestións que se realicen a través da web" queda hoxe desvirtuado, e mesmo o acordo de goberno cúmprese a medias no que toca á parte de transparencia e participación cidadá cando se acorda a "facilitación do acceso a través de Internet, en tempo real, ás actuacións das institucións galegas, incluídas as estatísticas e os estudos demoscópicos oficiais" e mesmo o "impulso e desenvolvemento da administración electrónica, apostando polo espallamento do uso das TIC na actuación administrativa para axilizar a tramitación de procedementos e facilitar a participación e información directa en tempo real da cidadanía".
Na Secretaría Xeral de Comunicación a única resposta que ofrecen é que non se colocan as novas do BNG porque non as reciben, e atribúenlle a Vicepresidencia a responsabilidade de enviárllelas, polo que non se pronuncian sobre as posíbeis razóns para que iso non se faga, e o mesmo pasa coas previsións. Tamén din que no momento en que volvan a enviárllelas volverán colocarse na portada, mais o certo é que, como apuntabamos arriba, moitas das novas si que están dispoñíbeis nas respectivas webs das consellarías. Así que o "non recibilas" non sería moito obstáculo, sempre que houbese vontade por parte da Secretaría Xeral e mais de Vicepresidencia. E polo de agora o asunto non ten traza de solucionarse pronto, cando menos por parte do BNG, que seguirá pensando en máis solucións alternativas para dar a coñecer o seu traballo no goberno á marxe do portal central da Xunta.