O equipo ciclista Phonak vén de confirmar que o corredor que deu positivo no Tour de Francia 2006 foi o norteamericano Floyd Landis. Así, cumpríronse as informacións lanzadas este xoves polo xornais Ekstra Bladet e L´equipe e que sinalaban o gañador da volta gala como principal sospeitoso. O equipo de Landis anuncio no mediodía do xoves que recibiu onte un comunicado da UCI sobre o positivo por testosterona do mailló amarelo. En canto a UCI confirme o positivo o Tour deberá proclamar a Óscar Pereiro como novo gañador da volta gala. O de Mos asegura que prefire ser segundo e "que non se confirme o positivo" xa que sería un "novo pau" para o ciclismo.
Os rumores confirmáronse, o vencedor do Tour de Francia, o estadounidense Floyd Landis deu positivo por un elevado nivel de testosterona nun control anti dopaxe practicado despois de rematar a decimosétima tirada. Foi o Phonak, o propio equipo de Landis, quen anuncio na súa web que o ciclista non identificado que dera positivo era o norteamericano.
O equipo suízo dixo que a UCI lle informou o mércores que a mostra de Landis "revela un alto nivel de testosterona". No comunicado a directiva do equipo amosa a súa sorpresa "por este resultado fisiolóxico". Así mesmo, anuncian que Landis pedirá que se realice a contraanálise para "desmostrar que este resultado é produto dun proceso natural ou por accidente".
Á espera de que se completen as análises, Landis queda temporalmente suspendido e se se confirma o positivo será despedido do Phonak. Neste caso, o Tour deberá retirar o título a Landis e proclamar campión a Óscar Pereiro.
Pereiro prefire o segundo posto e "que non se confirme o positivo"
Óscar Pereiro sería, no caso de confirmarse o positivo de Landis, o novo gañador do Tour de Francia 2006. Malia isto, o de Mos non está contento coa noticia e asegura que é "un novo pau" para o ciclismo. O ciclista galego asegurou que prefire quedarse "no segundo posto" do Tour e "que se confirme que Landiso non deu positivo". O galego asegura ter un sentimento agridoce porque esta é unha mala noticia para o ciclismo.
Os organizadores, entre a cólera e a tristeza
Os organizadores do Tour fixeron público un comunicado no que aseguran que de confirmarse a dopaxe de Landis "a cólera e a tristeza dominarían os sentimentos de todos aqueles que se entusiasmaron por este Tour de Francia 2006". Segundo os responsábeis da competición "en todo caso e máis que nunca manteremos a posición de firmeza" ante a dopaxe.
Testosterona: musculatura, potencia e agresividade
A testosterona é un esteroide anabólico de tipo natural. O corpo humano produce os esteroides que este precisa a partir do colesterol, e sempre dependendo do sexo e do exercicio que se realiza. No presunto positivo de Landis, acúsase ao norteamericano de facer uso do anabólicos sintéticos. Este tipo de esteroides son moi populares entre deportistas que requiren de gran forza e masa muscular, como os velocistas, levantadores de pesas, saltadores ou ciclistas.
A diferenza de outras sustancias prohibidas, a testosterona non ofrece unha rápida resposta en momento determinados xa que se trata de unha sustancia que se utiliza en tratamentos a máis longo prazo. Ademais dos efectos propios dun aumento de musculatura, ao ser un activador hormonal a súa utilización provoca un aumento da agresividade. A testosterona pódese subministrar de diferentes xeitos: en pílulas, inxeccións ou incluso parches.
Ata hai relativamente pouco tempo, o uso da testosterona non estaba controlado debido a que, por ser un produto natural, era imperceptíbel. Actualmente existe unha proba que detecta calquera alteración no nivel de testosterona.