Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CONSELLERÍA DE CULTURA PROGRAMA DIVERSAS ACTIVIDADES DENTRO DO ANO DA MEMORIA

O barco da memoria percorre Galiza para nos devolver o que é de noso

Desde este mes e até novembro, un barco, unha illa, varias exposicións, un consello e unha web destacan entre as iniciativas que a Consellería de Cultura vai pór en marcha para que a memoria de miles de galegos e galegas volva a través da interacción e do coñecemento. É a memoria histórica a que este ano, cando se cumpren 70 desde que estourara a guerra, ten concentrado o groso das actividades propostas polo Goberno galego para lembrar as vítimas da represión franquista. Todas estas accións poderanse ver a partir do xoves en anodamemoria.com

- 17:03 12/07/2006
Tags:

O próximo 17 de xullo o barco da memoria partirá desde Cambados até que remate a súa viaxe o 6 de setembro en Vilagarcía logo de ter percorrido 20 vilas. Esta iniciativa é unha das que a Consellería pon en marcha para conmemorar o ano da memoria e pretende "recordar e render homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado franquista na Galiza mariñeira". A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou este mércores os actos e datas desta homenaxe. O acto de apertura en Cambados contará coa presenza de Manuel Rivas, que lerá un manifesto sobre a recuperación da memoria.

O sábado día 22 e o domingo día 23 de xullo será o que fora presidio franquista, a Illa de San Simón, a que acolla a "Homenaxe Nacional" ás vítimas da represión, exilio ou morte a partir de 1936. Do programa musical detacamos a actuación de Paulina Ceremuzynska, que que interpretará composicións da lírica medieval galega, o contrabaixo de Carlos Méndez, as voces de Uxía ou Mini, Mero e Mariña, a Banda Musical do Concello de Visantoña e o Grupo Tradicional do IGAEM. En distintos espazos da illa se van desenvolver distintos espectáculos de danza como o que propón Pisando Ovos ou Disque Danza. Ademais, música e palabras de lembranza para os que viron caer enriba a lousa do franqismo completarán esta homenaxe.

Os asistentes a esta xornada percorrerán tamén a historia de represión en San Simón a través da exposición "A Illa da Memoria", situada no edificio da Illa de San Antón, unha mostra comisariada por Antonio Caeiro que recolle abondosa documentación do terríbel pasado da illa. Outra exposición, o "Memorial da Liberdade. Represión e Resistencia en Galiza, 1936-1977", celebrarase en Compostela entre os meses de outubro de 2006 e febreiro de 2007 e estará comisariada por Xosé Enrique Acuña. Máis imaxes preveu a Consellaría de Cultura e Deporte para este ano da memoria e para iso subvenciona a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega.

Congreso da Memoria

Como complemento e mostra de vontade para o seguimento deste ano da memoria, O día 23 de xullo farase pública a composición do Consello da Memoria, que asesorará á Consellaría de Cultura e Deporte no obxectivo da recuperación da memoria histórica, así como no de colaborar cos programas que se deseñen institucionalmente, servir de interlocutor directo entre o mundo asociativo e a administración, presentar iniciativas encamiñadas á recuperación da memoria, avaliar as decisións políticas tomadas ao respecto e impulsar novas accións de goberno, entre outras, segundo explicaron os responsábeis do departamento da Xunta.

Fuxindo dos actos puntuais e do carácter "festivo" das actividades que dan a coñecer a memoria histórica de Galiza, a Consellaría de Cultura e Deporte e as tres universiadades galegas asinaron o pasado mes de abril un convenio de colaboración para levar a cabo un programa de investigación sobre o golpe militar e a represión en Galiza. O proxecto ten como obxectivo principal "a constitución dun acervo público de investigación e documentación" para o estudo da guerra civil e a ditadura franquista en Galiza.

Traballar polo coñecemento

As tarefas de pescuda hanse centrar, segundo os organizadores, en acadar unha relación o máis completa posíbel dos nomes dos represaliados e represaliadas, unha colección de entrevistas e a recuperación de materias persoais, así como a determinación dos lugares onde aconteceron os feitos. Emilio Grandío, Mª Xesús Souto, Xulio Prada, Dionisio Pereira e Xosé Manoel Núñez Seixas, ademais de Xurxo Pantaleón e o catedrático Lourenzo Fernández Prieto son os que se van encargar deste investigación sobre a nosa historia recente.

Unha data clave no proceso de represión aos galegos e galegas contrarios ao franquismo é o día 18 de xullo, aniversario do golpe militar de 1936. Para que ningunha data quede baleira de recoñecemento, a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural promove a representación no Salón Teatro de Compostela do espectáculo "Memoria do 36" de Teatro do Atlántico. Dirixido por Xulio Lago e interpretado por Pilocha, María Barcala, Xosé Luís Bernal "Farruco" e o propio Xulio Lago, "Memoria do 36" pretende levarnos aos tempos da represion mediante a música ao vivo e unha escolma poética con versos de Álvarez Cáccamo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel ou Blanco Amor.

Próximas actividades

Xa no mes de novembro celebrarase en Pontevedra o congreso "Destecendo a desmemoria. Galiza na loita antifranquista (1936-1977)", un encontro intelectual que congregará aos principais investigadores e especialistas no tema da recuperación da memoria histórica tanto de Galiza como do ámbito internacional. O congreso estruturarase en distintos apartados entre os que destacan os núcleos temáticos "A resistencia ante a ocultación", "O desmantelamento da desmemoria pactada" "Os protagonistas da resistencia. As ideoloxías e movimentos sociais opostos ao franquismo" ou "Experiencias internacionais", entre outros aspectos relacionados coa represión aos galegos e galegas a patir do 36.

A web que recolle todas estas actividades estará operativa a partir do xoves día 13. Segundo afirmou a Consellería de Cultura, dita web incluirá unha axenda con todas as actividades, os avances do proxecto de investigación que se está a desenvolver mediante o convenio coas tres universidades xunto cunha serie de galerías de imaxes e temas en destaque. Ademais, o sitio contará cun espazo propio para que as asociacións de recuperación da memoria histórica poidan contar cun medio de comunicación propio para todas as súas propostas.


0/5 (0 votos)