O mapa de medios que se presenta en Galiza cando se vai facer un ano do acordo de goberno bipartito non é nada alentador para o país, nin dende o punto de vista da nosa lingua ou da pluralidade de contidos nin dende o punto de vista do tecido empresarial propio, que lonxe de verse favorecido polas políticas de comunicación do novo goberno está a quedar excluído das concesións de licenzas audiovisuais, en beneficio dos grandes grupos de fóra. Os membros do BNG no Executivo quixeron desmarcarse da decisión do Consello da Xunta o pasado xoves votando en contra da proposta socialista, algo insólito nos 11 meses que levan gobernando xuntos. O PSOE sacou adiante as concesións en solitario, saltándose o proceso administrativo e sen o acordo político necesario para levar o asunto ao Consello da Xunta. Unha operación feita ás présas e de xeito pouco legal, que debilita aínda máis os medios de comunicación do noso país.
Sen atender a razóns, os socialistas decidiron in extremis a concesión das emisoras de televisión local, arriscando o acordo co BNG e rozando a ilegalidade no procedemento, urxidos pola próxima materialización no noso país dous novos proxectos comunicacionais, un de Prensa Ibérica (o próximo xornal Faro de Galicia) e outro de Prisa. a edición galega de El País, os dous grupos máis beneficiados pola concesión de emisoras locais dixitais.
Tal como lles contamos en Vieiros, quedan excluídas desta adxudicación importantes emisoras locais independentes, varias das cales levaban máis de dez anos emitindo, e que terán que deixar de facelo por mor do apagón analóxico no 2008. Moitas delas producindo máis do cincuenta por cento das horas en lingua galega, algo que se pedía no prego de condicións e que cadeas como Localia dubidosamente poderán cumprir. É o caso das emisoras pertencentes a Onda Nós, un proxecto de agrupación de emisoras locais que tiña previsto facer programación conxunta de maneira estábel unha vez culminado o proceso da dixitalización. Agora vailles ser moi difícil, xa que só a metade das emisoras asociadas acadaron a licenza, e as máis delas en zonas rurais (Telesalnés, Canal Dez, TV7 Monforte e Vilalba, Telechantada e a emisora municipal de Ponteareas). Nas demarcacións das cidades quedaron excluídas (eran Código TV, Onda Coruña, TV Ferrol, nalgúns casos como o de Lugo en beneficio de Local Media, unha cadea estatal con sede no País Vasco e cuxos contidos se basean nos programas de chamadas a 806 e SMS.
O proxecto de Onda Nós queda, xa que logo, moi tocado, aínda que o seu presidente, Fidel Fernán, ten cada vez máis claro que seguirán adiante. De momento o que máis claro ten é a intención de recorrer o concurso, porque confía nas posibilidades de revocar a adxudicación. Tanto apelando ao cumprimento das condicións estabelecidas nos pregos do concurso -creación de emprego no país, mínimo de horas de emisión en galego e outros-, como á forma en que se efectuou a adxudicación. A Presidencia puido incorrer en abuso de poder á hora de aprobar as concesións, esquivando o proceso polo que deben pasar todos os asuntos que se leven ao Consello, que requiren un acordo previo por parte dos conselleiros e máis cando hai dúas forzas políticas gobernando. Así se recollía no acordo de goberno asinado hai un ano.
Comisión arbitral ou arbitraria?
Na reunión das consellarías previa ao Consello da Xunta da semana pasada estudouse o informe do concurso público de TDT local, coas valoracións técnicas solicitadas pola Mesa de Contratación en marzo do 2006, logo de desestimar unha proposta de declaralo deserto que se formulara en decembro do 2005, motivada pola modificación da lei da TDT na que se amplía de 5 a 10 anos o período inicial de concesión das licenzas. A Mesa daquela consideraba que esta ampliación cambiaba en moito condicións técnicas e de programación presentadas polas emisoras, que presentaran proxectos con horizonte a cinco anos cando a realidade faríalles ter que traballar a dez. Porén, o concurso seguiu adiante solicitándose unha nova valoración sobre os informes que xa había feitos por parte do goberno anterior, encargados a unha comisión de expertos e mais á consultora Soluziona. O que fixo a Mesa de Contratación foi, pois, aceptar e continuar o proceso que viña da anterior dirección audiovisual da Consellaría de Cultura, con Pérez Varela á cabeza.
Para iso creouse unha comisión arbitral que tiña por obxecto facilitar unha "segunda lectura" desas valoracións iniciais, que non modificou no groso as valoracións anteriores e que, malia ter como función revisar as propostas en base aos criterios de cohesión e preservación dos contidos propios e en galego, finalmente recomendou propostas alleas, algunhas das cales nin figuraban nos informes do goberno anterior, como é o caso de Utega (Localia) en Ourense, que se incluiu no último momento.
Diante deste informe, o BNG decidiu na reunión previa ao Consello non admitilo e pediu que se declarase o concurso deserto, adiando en todo caso a concesión por non haber ningún tipo de acordo. Aínda así o xoves a concesión foi ao Consello, fóra da orde do día, e aprobouse só cos votos do PSdeG. O vicepresidente e mais os conselleiros nacionalistas fixeron constar na acta o seu desacordo e voto en contra, diante dun procedemento de dubidosa legalidade que varias televisións xa pensan recorrer.
E de facelo, as posibilidades de sacalo adiante serían bastantes, segundo valoran os avogados de Onda Nós. No peor dos casos a xustiza tardaría uns 15 anos en resolver o caso, durante os cales tería que estar paralizado o proceso. Iso beneficiaría as emisoras demandantes, que no 2008 non poderían estar obrigadas a deixar de emitir como o están agora as que quedaron fóra do concurso, co cal a Xunta tería que buscarlles unha solución dixital. Así pois, o Goberno enfróntase agora como mínimo a un proceso longo e conflitivo que paralizará as concesións e non deixará en ningún bo lugar a súa política mediática. Boa parte das empresas prexudicadas van recorrer xuntas e iso "vainos facer máis fortes", en palabras de Isidro Barco, xerente de Canal Dez TV e membro da xestora de Onda Nós. "Pero é unha lástima que sempre haxa que andar así", engade Barco, que ao final é optimista e confía en que a tecnoloxía -a transmisión de sinal de televisión a través de datos por IP, por exemplo- vaia máis rápida cá xustiza e poidan agarrala a tempo sen que fagan falta concesións gubernamentais nin haxa intereses políticos polo medio.