Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
HOMENAXEADA NOS IV ENCONTROS DO VALE LERES

A Agal celebra os seus 25 anos dedicados á defensa do galego

A Associaçom Galega da Língua naceu no 1981 coa intención de estender o galego-portugués aos máis dos usos posíbeis aos que poida acceder un idioma. Cando se cumpre o seu 25º aniversario, a institución vai ser a protagonista da cuarta edición dos Encontros do Vale do Leres para o próximo sábado. A festa vai comezar pola mañá; haberá xantar popular e diversas actuacións musicais xa á tarde, ademais dos discursos de membros da asociación, coma Isaac Alonso Estraviz.

- 15:32 10/07/2006
Tags:

Co apoio das associaçons Canom de Pau e Amigos da Carvalheira, a comissom organizadora dos Encontros do Vale do Leres convoca a cuarta edición a celebrar na carballeira de San Xusto, en Cotobade, para o próximo dia 15 de xullo. Nesta ocasión os actos están dedicados a comemorar o 25º Aniversario da AGAL, malia que inicialmente estiveran orientados á recuperación do Caminho Velho Português a Compostela, também conhecido como Camiño Vello Xacobo ou Camiño da Raiña, en alusión a Isabel de Portugal.

Os actos comezarán às 10 horas do próximo dia 15, con saída desde a carballeira de San Xusto para faceren os particiantes un roteiro polos petroglifos de Cotobade e Campo Lameiro. O arqueólogo A. Concheiro será o encarregado de guiar a visita. Logo, na propia carballeira, o público infantil será o protagonista dos xogos tradicionais e de diversos espectáculos de animación.

Xa no que se refire aos actos dedicados á AGAL, dicir que os representantes da mesma se dirixirán aos asistentes para pasar á intervención do professor Isaac Alonso Estraviz, en representación do Consello da AGAL. Ao remate, podersase degustar un xantar popular na carballeira ao que seguirán as actuacións de Servando e Contradança, Grupo de Danças do Mundo Monteira, así como pandeireteiras e gaiteiros tradicionais.

A Associaçom Galega da Língua naceu no 1981 coa intención de estender o galego-portugués aos maís dos usos posíbeis aos que poida acceder unha lingua. Para achegar e promover as súas actividades puxeron en marcha o Portal Galego da Língua (PGL), que " é o sítio na rede de toda a actualidade da língua na Galiza". Ademais de ampliar o marco e o uso do idioma, a AGAL procura a plena normalización do Galego-Português da Galiza "e a sua reintegración no ámbito lingüístico a que historicamente pertence: o galego-luso-brasileiro", afirman.

Segundo recollen na súa web, o Galego-Português, na Galiza denominado Galego e internacionalmente coñecido como Português, é a lingua propia de Galiza, Portugal e Brasil, sendo tamém lingua oficial en Angola, Moçambique, Cabo Verde, Guiné Bissau, São Tomé e Príncipe, Timor Lorosae..., comunidade lingüística internacional coñecida como Lusofonia ou tamém Galegofonia ou Galego-Lusofonia.


0/5 (0 votos)