Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESENTADO POLAS EMPRESAS GALEGAS PREXUDICADAS

Nove meses despois a Xunta non respondeu o recurso contra as licenzas da TDT autonómica

Hai case un ano que xa en funcións e ás portas de deixar o goberno, o executivo de Manuel Fraga aprobaba a concesión de licenzas da televisión dixital de ámbito autonómico, decidindo outorgarllas ao Grupo Voz e á Cadena Cope. Ao tempo, desde PSdeG e BNG criticaban a decisión e anunciaban que unha vez no goberno se analizarían as irregularidades. Tres meses despois, a plataforma integrada por Filmax e o resto da prensa galega promovía un recurso pedindo revisar esa adxudicación e dubidando da legalidade da licenza á televisión dos bispos. O documento debullaba dúas denuncias fundamentais para argumentar que o acordo fora "radicalmente nulo". Por un lado, subliñaban que se violou o procedemento administrativo previsto, e por outro advertían da arbitrariedade do informe técnico. Case un ano despois, a Xunta aínda non deu resposta.

- 15:09 10/07/2006
Tags:

Cara ao concurso polas dúas licenzas de televisión dixital en xogo, os respectivos grupos de comunicación aos que están vencellados El Progreso de Lugo, La Región de Ourense, o compostelán El Correo Gallego, o coruñés Ideal Gallego e o Faro de Vigo, ían á beira da distribuidora cinematográfica Filmax, propiedade do empresario Xulio Fernández, galego aficando en Cataluña, e con garante de financiamento tamén como socio do empresario Xoán Carlos Rodríguez Cebrián, ex director xeral de Inditex. Esta agrupación empresarial aspiraba a unha licenza de televisión dixital de ámbito autonómico, para o que competían co Grupo Voz e Popular TV, iniciativa esta última promovida pola Cadena Cope. O detalle das propostas agoiraba que como claros vencedores do concurso deberan saír os dous proxectos galegos. Porén, o executivo de Manuel Fraga en funcións, sorprendía concedéndolle licenza á cadea dos bispos. As empresas prexudicadas impulsaban a presentación o 6 de outubro de 2005 dun "recurso de reposición" que, nesta altura non foi aínda respondido. Á volta do verán, poderían decidir novas accións conxuntas ao respecto.

O que dicían daquela PSdeG e BNG
En pleno verán de 2005 e con socialistas e nacionalistas debatendo os detalles do acordo de goberno, representantes das dúas formacións criticaban duramente a decisión do goberno en funcións de Manuel Fraga. Xa antes de coñecerse a resolución e en datas anteriores ás propias eleccións de 2005, o secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, acusara ao PPdeG de querer "deixar blindado a través dun proceso escuro e manipulador o mapa da comunicación dixital de Galiza" e diante da vontade manifesta de Fraga de amarrar ese concurso, advertíalle que "decisións de tanta relevancia deben ser adoptadas polo futuro goberno que saia das urnas".

O goberno Fraga adiou daquela a decisión, pero recuperouna despois de coñecer a derrota nas urnas e poucos días antes de deixar os despachos. Varela advertía o mesmo día que se coñecía esa decisión que en canto tomasen posesión dos seus cargos, o bipartito analizaría polo miúdo o acontecido investigando "se todo isto se axusta a dereito e se hai intereses de parte que foron lesionados". "Se iso fora así o goberno tomará as decisións que repoñan a legalidade". No mesmo sentido, o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, avisaba que se poñerían as concesións en coñecemento dos seus servizos xurídicos para aclarar as irregularidades e subliñaba que "o futuro goberno bipartito terá que tomar medidas e auditar todo o que está a facer o goberno do PP en funcións". Jorquera tamén comentaba a posibilidade de que o BNG promovese unha comisión de investigación no Parlamento "para depurar as responsabilidades ás que houber lugar".

Xa no goberno, o propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, aseguraba á saída do primeiro Consello que o goberno atendería calquera demanda de revisión que se presentase ao respecto da concesión das licenzas de televisión dixital. Touriño aseguraba que se analizaría o proceso e que se actuaría en consecuencia. Antes de deixar o sillón, Manuel Fraga respondera daquela ao malestar dos xornais galegos lembrando que todos eles aspiraban tamén a conseguir espazo no mapa das televisións dixitais locais e insinuando xa que logo que poderían verse compensados nese proceso. Preto dun ano despois, a decisión da Xunta parécese un chisco a ese prognóstico, concedéndolles esa cota a cada medio no seu ámbito local de difusión, pero marxinando así a empresas locais galegas con proxectos asentados.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: