Os cidadáns galegos, cataláns e vascos poderán enviarlle os seus escritos ou peticións ao Parlamento europeo escritos nas súas respectivas linguas, e do mesmo xeito, terán dereito a recibir resposta escrita na súa propia lingua. Será posíbel despois da aprobación este luns da proposta para o uso das linguas cooficiais estatais nas comunicacións coa Eurocámara, e que compromete ao Estado español a financiar os gastos da aplicación desta iniciativa. De momento segue a porta pechada ao uso das mesmas linguas por parte dos eurodeputados. Votaron en contra os deputados conservadores e a favor o resto, resolvendo a desputa o voto do presidente do Parlamento, Josep Borrell. Desde Galeuscat critican a presión do Partido Popular Europeo "que fixo todo o posíbel por afastar o Parlamento dos cidadáns dunha parte de Europa", e denuncian especialmente a posición do deputado popular español Aleix Vidal-Quadras.