Este martes presentouse en Vigo o partido que desputará a selección galega de básquet feminino fronte a Xapón. O Pavillón das Travesas acollerá deste xeito o primeiro partido dun combinado feminino e ao igual que o mércores en Lugo, o partido estará precedido por un enfrontamento de veteranas entre a selección galega e a española. Xoan Corral, seleccionador galego, asegurou que a elección de Vigo como sede deste primeiro partido é "unha homenaxe á cidade porque é o estandarte e o berce do baloncesto feminino galego".
O acto de presentación contou coa presenza de Santiago Domínguez, director xeral para o deporte; Xoan Corral, seleccionador galego; Víctor Varela, seleccionador galego de veteranas; e Lucía Molares, concelleira de deportes de Vigo.
O seleccionador Corral destacou que "elixindo Vigo faise unha homenaxe á cidade porque é o estandarte e o berce do baloncesto feminino galego". O seleccionador asegurou que a súa lista foi creada en base a dous aspectos: "a xente que está en mellor momento de forma e a xente que xoga na nosa comunidade ou ten xogado nalgún momento".
Dúas horas antes do comezo do partido contra Xapón, as veteranas galegas enfrontaranse ás veteranas da selección española. O seleccionador galego reiterou a importancia de que sexa Vigo a cidade de a cidade que acolla esta estrea: "Sen Vigo sería imposíbel facer esta selección. Tentamos facer unha selección representativa de todo o baloncesto galego e con xente de gran calidade que conseguiu grandes resultados deportivos na súa época".
Pola súa parte, Santiago Domínguez, director xeral para o deporte, animou á cidadania a que participe e lembrou que o partido de veteranas será "un grande espectáculo que nos fará recordar os vellos tempos". Segundo Domínguez, "a selección galega nace co obxectivo de perdurar polo que a partir de agora haberá un contacto permanente coa federación para tentar xogar durante o ano, de xeito itinerante para que toda Galiza poida ver a súa selección".