O acto de presentación contou coa presenza do director xeral para o deporte, Santiago Domínguez; os dous seleccionadores galegos, Quino Salvo e Xoán Corral; o presidente da Federación Galega de Básquet, Francisco García Sánchez, o concelleiro de deportes de Lugo, Xosé Manuel Díaz Grandío e o técnico da selección galega de veteranos, Tonecho Lorenzo Fernández.
O seleccionador Quino Salvo fixo pública a lista de convocados que formarán a selección galega. Doce nomes de xogadores que participan nas diferentes categorías do básquet estatal. Na lista destaca a presenza de Fran Vázquez, quen hoxe mesmo recibiu a noticia da súa convocatoria para xogar coa selección española o mundial de Xapón.
O acto tamén serviu para presentar o enfrontamento de veteranos entre a selección galega e a selección española. O adestrador dos veteranos galegos, Tonecho Lorenzo, anunciou que o partido contará coa presenza de xogadores tan coñecidos como Villacampa, Fernando Romay, Manel Sánchez, Manolo Aller, Antúnez ou Juan Orenga.
Santiago Domínguez, director xeral para o deporte, amosouse convencido de que a cidade de Lugo apoiará á selección galega de básquet e advertiu aos afeccionados de que merquen os seus billetes canto antes xa que, conta co cheo no Pazo dos Deportes. Domínguez, que tamén felicitou ao CD Lugo polo seu ascenso á Segunda División B, asegurou que o partido contará con moitas sorpresas nos seus prolegómenos. O director xeral tamén anunciou que a TVG retransmitirá a través da súa canle dixital o encontro de Lugo así como o da selección galega feminina, o xoves en Lugo.
Pola súa parte, Xosé Manuel Díaz Grandío, concelleiro de deportes de Lugo, agradeceu a elección de Lugo como sede para este primeiro partido da selección de básquet. Grandío asegurou que este tipo de iniciativas funciona como un elemento dinamizador das categorías bases do deporte lucense.