Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[Básquet][Selección Galega]

Xoán Corral: "Galiza contou de sempre cunha gran canteira de xogadoras"

Xoán Corral é sen dúbida un dos adestradores máis experimentados cos que conta o noso básquet. Ao longo da súa traxectoria dirixiu a equipos como o Estudiantes ou o Breogán. Nos últimos dez anos centrouse no básquet feminino, onde adestrou con notable éxito ao Deportivo Ensino de Lugo ao longo de oito tempadas. Agora, acolle con entusiasmo o seu nomeamento como seleccionador da selección feminina aínda que non esquece os principais problemas cos que se atopa o básquet feminino.

- 16:47 23/06/2006
Tags:

Vieiros: Logo de tantos anos como adestrador, que significa para vostede ser o seleccionador da selección galega?
Xoán Corral: Para min e todo un honor ser o primeiro seleccionador da selección galega de básquet, sobre todo tendo en conta o gran número de adestradores de calidade que temos en Galiza.

Cre que é unha especie de recoñecemento á labor que realizou durante tantos anos como adestrador?
Si, a verdade é que levo moito tempo adestrando e, tendo en conta que ao longo dos anos este posto o irán ocupando diferentes persoas, considero que pasar á historia como o primeiro seleccionador é, en certo modo, unha forma de recoñecer todo este traballo.

Ten Galiza un bo equipo de básquet feminino?
Pois é un pouco prematuro falar de equipo, xa que só imos ter un día para adestrar. Creo que tal vez, de momento, Galiza non pode compararse coas grandes seleccións estatais, porén, no contexto autonómico contamos cun gran potencial. Galiza contou de sempre cunha gran canteira de xogadoras, aínda que nos últimos anos este nivel quizais descendeu un pouco.

Cómo afronta o choque fronte a selección xaponesa?
O gran problema co que nos atopamos é o escaseo de pivotes no básquet galego. Así non poderemos permitir que nos fagan ataques estáticos e deberemos propor unha defensa moi aberta e presionante. Teremos que xogar ao contraataque e tentar acadar situacións de superioridade numérica coa velocidade das nosas xogadoras.

Xapón non é ese equipo feble que moitos imaxinan...
É un equipo moi forte, con xogadoras áxiles, ben dotadas fisicamente e que non deixan de presionar ao longo de todo o partido. Vai ser un partido moi complicado e, está claro que non vai ser doado superar ás xaponesas.

Cal cre que é o maior obstáculo co que se enfronta o baloncesto feminino en relación co masculino?
Hai unha etapa crave no proceso de formación de xogadoras que é a que vai desde os 15 aos 18 anos. Nesa idade as rapazas teñen que elixir entre os estudos e o básquet. Agora a situación está un pouco mellor grazas a que os salarios das xogadoras xa comezan a ser competitivos e permiten que moitas delas poidan compaxinar as súas carreiras cos adestramentos. Nesa idade tamén inflúe que a disciplina que esixe un equipo de básquet non e de todo compatíbel co ocio e coas preocupacións propias da puberdade.

Bota en falta máis implicación por parte dos medios de comunicación co deporte feminino?
Si, pero entendo que os medios non recollan o noso traballo xa que eles miran na meirande parte dos casos polas súas vendas. Porén, espero que co paso do tempo vaiamos seguindo os pasos de outros países europeos nos que o deporte feminino está a obter certa repercusión, como é no caso do voleibol ou do fútbol.

Cómo valora a iniciativa da Consellaría de facer coincidir as datas da estrea das dúas selección de básquet?
Creo que a Xunta está a facer un gran traballo tratando de impulsar o deporte feminino. En Galiza contamos con grandes xogadoras e deportistas en xeral e é obrigado recoñecer que a Consellaría está tratando de equiparar ao deporte feminino co masculino e, a estrea das dúas seleccións ao mesmo tempo é boa mostra diso.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: