Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
LOGO DE PEDIRLLE A RETIRADA AO PRIMEIRO MINISTRO

Xanana Gusmão ameaza con demitir da presidencia de Timor

"Voulle mandar un documento ao Parlamento nacional para informarlle da miña saída da presidencia da república, porque teño vergoña polo que o Estado lle está facendo ao pobo e non teño ánimo para enfrontalo", comunicou este xoves o presidente timorense, Xanana Gusmão. O aviso chega despois de que o primeiro ministro, Mari Alkatiri, respondese negativamente á petición de Gusmão para que demitise.

- 11:27 22/06/2006
Tags:

"Pídolle responsabilidades ao voso camarada Mari Alkatiri pola crise que estamos vivindo", vén de afirmar o presidente do Timor na súa mensaxe pública, responsabilizando ao primeiro ministro da "supervivencia do Estado de dereito democrático".

Esta mesma semana, acusara a Alkatiri de estar ao tanto da presunta compra de votos dos delegados no recente congreso do partido no poder, cuestionando a lexitimidade do seu liderado. Xanana Gusmão indicou que o feito de que non se producise unha votación secreta vai contra a lei de partidos políticos. Alkatiri laiouse da acusación e en declaracións á Axencia Lusa considerou que esa polémica "non é saudábel", insistindo en que "a Fretilin fixo todo para contribuír á solución e non para agravala". "A Fretilin está habituada a ser acusada de todo, e Xanana foi unha das vítimas desas acusacións no tempo en que era do partido", indicou. Lembrámoslles que Gusmão formou parte do partido agora no poder até 1987, optando despois por saír del para establecer unha separación clara coas Falintil, Forças Armadas de Libertação Nacional de Timor-Leste, que el mesmo lideraba.


0/5 (0 votos)