O xogador de squash compostelán Borja Golán acadou onte a segunda praza no Campionato de Europa de Squash que se desputou esta fin de semana en Budapest. Golán, que acudiu á capital húngara no posto 27 do ranking mundial, chegou ata a final logo de superar as tres primeiras roldas e despois de eliminar en cuartos de final o anfitrión Mark Krajcsak, e o checo Jan Koukal en semifinais. Porén, o francés Gregory Gaultier mostrouse intratábel na final e acadou o seu terceiro campionato de Europa consecutivo.
Xogadores de máis de 25 países diferentes participaron esta fin de semana en Budapest no campionato de Europa de Squash. O santiagués Borja Golán desputou a final contra o Gregory Gaultier. O francés, número 8 do mundo, tivo que empregarse a fondo para superar o galego, sobre todo no terceiro xogo.
O público, que gozou dunha espectacular final, animou sen cesar a Golán coa fin de que o encontro se alongase máis no tempo, porén o francés remontou un 7-5 no terceiro xogo e sentenciou así a final (9-2, 9-0 e 10-8).
"Estou moi feliz por ter gañado a plata, sobre todo considerando que acudín á cita no medio do meu programa de adestramento do verán" asegurou o compostelán ao remate do encontro.