Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
MANIFESTO DE ESPAZO GALEGO ENCOL DO 'ENCONTRO'

Espazo Galego pide que se aclaren os obxectivos do 'Gran Encontro' e a participación das administracións públicas

Espazo Galego dos Països Catalans, nun manifesto difundido nos medios, do mesmo xeito que o fixo o ano pasado, amosa o seu desacordo coa celebración do "Gran Encontro de Galegos do mundo". Esta denuncia ten coincidencias coas críticas que a asociación Els Altres Andalusos fixera ao respecto da Fira d'Abril.

- 23:11 08/06/2006
Tags:

Existen moitos puntos de coincidencia entre estes dous acontecementos, segundo estas dúas organizacións, coma a falta de transparencia en canto ao grao de participación das distintas administración públicas, o disfrace filogaleguista ou filoandalusista e cultural co que se revestirían uns eventos con intereses claramente privados, ou a promoción dunha visión reducionista, folclorista e acrítica das culturas galega e andaluza.

Texto do manifesto, segundo se publica na web de Espazo Galego.

Diante da celebración do II "Gran Encontro (sic) de gallegos del mundo" (9, 10 e 11 de xuño) organizado pola Asociación de Empresarios Gallegos en Cataluña (AEGA-CAT) coa colaboración de Federación de Entidades Gallegas de Cataluña; que dá continuidade ao recinto do Fòrum, un recinto produtto da especulación que se intenta rendibilizar enchéndoo con contidos estraños á vida cultural da cidade, dende o ESPAZO GALEGO DOS PAÏSOS CATALANS queremos manifestar o noso rexeitamento a este tipo de acontecementos:

- DENUNCIAMOS que os organizadores queren que a xente confunda "galeguidade" con "empresariado galego". Entendemos que as grandes empresas unicamente se poden representar a elas mesmas e os seus intereses. Isto queda claro neste acto, onde os lemas "cultura" e "xentes" disfrazan o "encontro de emprendedores", que deixa de banda a suposta finalidade do evento.

- EXIXIMOS aos organizadores que expliquen claramente cales son os obxectivos da celebración, máis alá do envoltorio cultural co que a revisten.

- PREGUNTAMOS: se unha das supostas intencións do "encontro" é dar a coñecer a Galiza actual, por que os problemas reais da Galiza non aparecen enunciados en ningunha das conferencias ou actos programados? Estamos pensado especialmente naquelas condicións socio-laborais que obrigan as galegas e aos galegos a ir por "el mundo".

- INTERÉSANOS saber por que, si queren promocionar a cultura galega, esquécense dos seus signos de identidade, coma, por exemplo, a lingua, ausente na publicidade impresa. Denunciamos tamén a total ausencia do catalán, lingua propia da sociedade na que vivimos, tanto no programa como en toda a información e publicidade do acto. Realmente, quérese ofrece unha imaxe da Galiza libre de tópicos? Baseándonos no programa do "encontro", denunciamos que se promove unha visión reducionista, folclorista e acrítica da cultura galega que reduce a visión da Galiza ao folclorismo máis esencialista, buscando soamente a promoción empresarial descarada dalgún dos seus participantes.

- EXIXIMOS ás administracións públicas que especifiquen o seu grado de participación no proxecto. Referímonos á Xunta de Galicia, ao Concello de Barcelona, ás deputacións de Barcelona e Lugo, e á Generalitat de Catalunya. E, SOBRETODO: queremos saber si esta participación implica a inversión de cartos ou recursos públicos no acontecemento. Rexeitamos a falta de transparencia que envolve o "encontro". Esiximos que se aclaren as contas e os obxectivos reais deste acto. Si os empresarios queren facer propaganda política subliminal ou promoción das súas entidades lucrativas, que o fagan, pero cos seus cartos, e non cos das catalás e dos cataláns, nin cos das galegas e dos galegos, nin cos de ninguén.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: