Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
PODESE DESCARGAR DE BALDE NA PLATAFORMA 'A REGUEIFA'

Xurxo Romaní edita "Mandranugalla", un disco de zanfona contemporánea con bonus track de Fanny + Alexander

Mandranugalla é un traballo de fusión. No título combínanse dúas palabras, en catalán e en galego, que se refiren á sa arte da preguiza, a mesma posición de cruce cultural que se atopa nos temas do disco. Combina a zanfona contemporánea con instrumentos reais e sampleados para procurar novas sonoridades nas que conflúen sons da tradicións galega e islámica que traen o son medieval até os sons electrónicos. Con Xurxo Romaní colaboran músicos como Míriam González, do grupo de pandereteiras catalá Arrañoá, e mais Antón Fernández, ex de Ondina Xana. Mandranugalla pódese descargar de balde por internet.

- 19:51 06/06/2006
Tags:

A zanfona vai acompañada nos nove temas por percusións reais e sintéticas, e todo tipo de instrumentos. Feito aínda máis destacado nos dous temas que figuran como "bonus tracks", remesturados por Fanny + Alexander, un dos grupos revelación deste inverno no panorama musical galego que xa amosou a súa capacidade para mesturar folk e electrónico. Estas remesturas electrónicas pretenden que o instrumento saia da elite da música folk e tradicional e chegue sen complexos ó gran público.

Xurxo Romaní, galego residente en Barcelona dende hai 13 anos, gaiteiro e zanfoneiro entusiasta da música tradicional galega, das músicas árabes, da música medieval e renacentista, autodidacta de diversos instrumentos de corda (mandolina, saz, oud, bouzouki), dedícase dende 1997 ao estudo da zanfona. Formou parte do desaparecido grupo de música folk galaico-mediterránea Ondina Xana, é compoñente do sexteto de música antiga Organistrum e colaborador doutros músicos da escena galaico-barcelonesa como César del Caño ou Míriam González.

A fascinación pola zanfona vénlle dende cativo, pero como moitos outros rexeitou comezar co instrumento pola dificultade de conseguir un a un prezo razoable e coas características técnicas necesarias para sacarlle partido. No folk galego, até hai pouco, a zanfona ten desempeñado o papel de instrumento secundario, pero nos últimos anos a adopción da zanfona contemporánea, con melloras técnicas notables, vén acompañada dunha explosión de creatividade e de novos músicos dedicados a sacarlle a este milenario "sintetizador medieval" todo o que leva dentro.

X. Romaní descobre a zanfona contemporánea influído por músicos cataláns como Eduard Casals e Marc Egea, e polo luthier Sedo García, que constrúe en Catalunya modelos de zanfona inspirados no modelo francés. Profunda no seu estudo en cursos coa Asociación Ibérica da Zanfona con Gilles Chabenat, Pascal Lefevre, Nigel Eaton ou Valentin Clastrier. Toca unha zanfona electroacústica construída polo luthier austríaco Wolfgang Weichselbaumer.

O disco descárgase de balde na plataforma A Regueifa, unha entidade sen ánimo de lucro no que calquera creador pode difundir, distribuír e amosar a súa obra baixo a licenza Creative Commons.

Xurxo Romaní
Mandranugalla | 2006
Pódese descargar n'A Regueifa


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: