Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
EN 2005, O INCREMENTO FOI DO 8,6%

As emisións galegas de gases de efecto invernadoiro aumentaron o 45,9% desde 1990

No ano 2005, o primeiro no que se aplicou na UE o comercio de dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2) a algúns sectores industriais, as emisións galegas de gases que provocan o cambio climático subiron o 8,6%. Isto supón que o aumento das emisións galegas entre 1990 e 2005 foi do 45,9%, 3 veces superior ao obxectivo límite para o conxunto do Estado español que o Protocolo de Quioto establece para o período 2008-2012. O aumento das emisións galegas foi inferior ao español (52,9%), pero superior ao da práctica totalidade dos estados máis desenvolvidos. Cunhas emisións totais de 41,9 millóns de toneladas, as emisións por habitante de Galicia superaron en 2005 as 15 toneladas/ano, situándose entre as máis altas do mundo

- 12:20 29/05/2006
Tags:

Segundo o Ministerio de Medio Ambiente, as instalacións industriais galegas integradas no comercio de emisións de CO2 emitiron 17,3 millóns de toneladas de CO2 no ano pasado, sendo responsábeis do 41,2% das emisións galegas. Todos os sectores emitiron menos CO2 que o que lles foi asignado gratuitamente polo Goberno central no Plano de Asignación de Dereitos de Emisión 2005-2007, agás o sector eléctrico. As centrais térmicas de carbón (As Pontes, Meirama) e de fuel (Sabón) emitiron 14 millóns de toneladas de CO2 , é dicir, un 28% máis que a cantidade que lles foi asignada gratuítamente para o 2005 e unha cifra similar á dos últimos anos.

Entre as instalacións sometidas ao comercio de emisións, as centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA) son os maiores focos emisores de CO2 , podendo cualificarse como grandes fábricas de cambio climático. Estas centrais están a ser reformadas para prolongar a súa vida útil por uns 25 anos máis e para queimaren só carbón de importación a partir de 2008. Estas industrias, xunto coas futuras centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural das Pontes (ENDESA) e de Sabón (UNIÓN FENOSA), son as maiores ameazas para o clima desde Galicia. No ano 2005, ENDESA e UNIÓN FENOSA foron as responsábeis do 81% das emisións dos sectores industriais que participan no comercio de emisións.

O cumprimento do Protocolo de Quioto

Para que Galicia e o Estado español poidan cumprir o Protocolo de Quioto, a asociación ecoloxista Verdegaia considera prioritario reducir drasticamente a produción de electricidade a partir de carbón, o combustíbel que emite máis CO2 en relación coa electricidade que xera. As asignacións de CO2 para as centrais térmicas de carbón de Galicia e do resto de España deben ser moi restritivas para o período 2008-2012. O Goberno central está a ultimar o borrador do Plano de Asignación de Dereitos de Emisión 2008-2012. Verdegaia presentou comentarios perante o Ministerio de Medio Ambiente durante a fase previa de consulta pública, demandando unha asignación moi restritiva para as térmicas de carbón, en particular para as das Pontes e Meirama.

Verdegaia demanda que se elabore o "Plano de converxencia cos obxectivos do Protocolo de Quioto" que figura no acordo para a formación do Goberno bipartito. En especial, coida que son precisas accións de maior alcance que as adoptadas até hoxe para promover o aforro e a eficiencia enerxética, nomeadamente no transporte, o sector que está a aumentar máis rapidamente as súas emisións, dado o forte crecemento do transporte por estrada. As decisións políticas que se están a adoptar en materia de transporte, a nivel municipal, autonómico e estatal, están a ser, na inmensa maioría dos casos, contraditorias cos obxectivos do Protocolo de Quioto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: