Os deputados nacionalistas Carlos Aymerich e Pablo González Mariñas presentaran na Cámara galega unha iniciativa a prol da elaboración dun plan de transporte público de proximidades para a comarca da Coruña e a implantación de servizos ferroviarios de proximidades entre A Coruña, Betanzos e Ferrol. Finalmente, e cos votos a favor de PSdeG e BNG, o Parlamento deulle adiante a unha iniciativa a prol da mellora dos transportes nas principais áreas metropolitanas galegas.
Segundo o texto aprobado cos votos dos deputados socialistas e nacionalistas, e malia que a proposta inicial dos nacionalistas pedía de feito que se elaborase un novo plan de transportes, o Parlamento ínstalle á Xunta de Galiza a deseñar no prazo dun ano, e integrado no propio Plan Integral de Transporte de Galiza, un plan de transporte público de cercanías para as áreas urbanas de A Coruña e Vigo. Este plan específico sería presentado na Cámara ao cabo dese prazo.
Ao tempo, os dous grupos parlamentarios que sosteñen o goberno galego maniféstanse a prol de negociar co ministerio de Fomento a introdución de servizos ferroviarios de cercanías entre A Coruña, Betanzos e Ferrol, e entre Vigo e Pontevedra. Ao fío, os populares pediron que a iniciativa incorporase a reclamación dos últimos trámites da alta velocidade polo norte até Ferrol e A Coruña e no sur deica Ourense e Vigo, e solicitaban tamén a licitación dun estudo sobre a posibilidade dun metro lixeiro na área metropolitana coruñesa, e logo de rexeitar as peticións os outros grupos votaron en contra da proposta.