Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
A ASOCIACIÓN AFIRMA NON TER NINGÚN APOIO

A Gentalha denuncia "boicot municipal na Festa do Dezasete"

Por terceiro ano consecutivo, a Gentalha do Pichel organiza a súa festa do Dezasete. Unha das asociacións culturais máis activas de Compostela celebra o Día das Letras cunha integradora xornada lúdica para persoas de todas as idades, con actividades tan diversas coma concertos, teatro, xogos populares, baile tradicional... A actividade adoitaba desenvolverse na Praza de Mazarelos. Mais este ano novamente atopan dificultades, e afirman que o Concello "non só non colabora coa festa do Día das Letras organizada pola nosa asociación cultural, senón que boicotea activamente o seu normal desenvolvemento. Nin diñeiro, nin praza, nin cartaz."

- 11:04 27/04/2006
Tags:

A Festa do Dezasete da Gentalha é un referente para a cidadanía compostelá: milleiros de persoas téñense achegado pola Praza de Mazarelos participando activamente das actividades nas edicións anteriores. teñen colaborado con eles artistas da música galega coma Míni e Mero, da Quenlla, a banda de ska Skárnio, Ruxe-Ruxe, Lamatumbá, o grupo compostelán de música tradicional Fiandola, os punk Skacha... Tamén colectivos de defensa da lingua, grupos de teatro, empresas de deseño de camisetas, radios libres, negocios da cidade, escritores e escritoras, asociacións de xogo tradicional, grupos de baile tradicional… Convertíndose nun referente na dinamización lingüística e cultural, demostrando a presenza e o uso da lingua en todos os ámbitos.

"Só atopamos unha entidade que non só non nos apoiou, senón que boicoteou ano tras a no a xa en por si difícil tarefa da organización do evento", afirman dende a Gentalha: "chámase Cámara Municipal de Compostela. Non teñen medios económicos para aopiar economicamente festas das lingua nin novas artistas galegas porque Bisbal cada día cobra máis. Non van gastar os cartos en grupos politicamente incorrectos."

Comparan a situación compostelá coa de outros concellos e a súa relación cos colectivos culturais: "Treme a Terra en Pontedeume recibe da Cámara 900 euros, equipo de son e carpa, Artábria recibe em Narón 6000 euros, licenza de uso dunha zona recreativa e equipo de son e de luces para concertos. Da Cámara de Ferrol recibe colaboración en numerosas actividades..."

O problema do espazo
Este ano volveron solicitar a Praza de Mazarelos para celebrar a festa, ademais da Alameda, o Toural e a Quintana, por se acaso. A solicitude foi feita en febreiro, e aínda non tiveron resposta por parte do Concello. Tamén o Foro da Mocidade (constituído por Galiza Nova, Parrulos, Itaca, Casa Encantada e Espazo Aberto Galiza), comezou en marzo os trámites para organizar o Concerto pola Lingua na Alameda (xa non poden facelo, como viña sendo habitual, na Praza de Cervantes por problemas coa veciñanza), e, malia as dificultades das obras, a convivencia coa Feira do Libro e tras varios cambios de data, finalmente será o 16 na Alameda (non saben se no Paseo Central ou no dos Leóns). O ruído e a protestas da veciñanza na zona vella son o principal impedimento, segundo o Concello, para conceder licenzas.

Por outra banda, o feito de non teren licenza implica que, a dez días da festa, non poidan sacar publicidade, coa mingua de convocatoria que iso implica. A respecto da publicidade, salientan tamén que pediron permiso para colocalr faixas de plástico nalgunha zona da cidade, e tampouco lles foi concedido. Ademais, tampouco poden pegar cartaces na rúa: afirman que as multas e mesmo os xuízos son fercuentes, mentres noutros municipios coma o de Oleiros é o propio Concello quen publicita a actividade das súas asociacións.

O mesmo problema tivo a CNT: solicitou hai semanas polo conducto regulamentario o permiso para pendurar unha faixa alusiva ao 1º de maio na entrada da Alameda. "A día de hoxe non temos recibida resposta ningunha por parte do Concello. Onte pola tarde, a pancarta foi retirada xa que o permiso foi rexeitado pola Concellería correspondente, a de Casco Histórico co argumento de que non se conceden permisos para pendurar faixas." O Colectivo denuncia que o mobiliario urbano se empregue para publicitar outras empresas e institucións, e os colectivos da cidade non teñan as mesmas licenzas.


3/5 (1 votos)