O deputado do BNG, Bieito Lobeira, presentou unha proposición non de lei na que reclama novos convenios coas institucións asturianas, castelanleonesas e estremeñas para a protección do galego. Nela reclámanse avances na protección de dereitos, na cobertura dos medios de comunicación públicos e no ensino do galego nestas comarcas.
O coordinador do grupo parlamentar do BNG, Bieito Lobeira, presentou en rolda de prensa unha proposición non de lei e outras iniciativas de control co obxecto de contribuír ao proceso de normalización do idioma que, na súa opinión, tamén debe facerse extensivo aos territorios galegofalantes de Asturias, Castela e León e Estremadura. 80.000 persoas aproximadamente falan galego nos 18 concellos máis occidentais do Principado, outros catro na provincia de Zamora, na comarca do Bierzo e mesmo tamén en tres localidades de Cáceres.
O parlamentario nacionalista salientou que se a situación en Galiza xa é "precaria" e "fráxil", fóra acrecéntase "porque nin sequera existe o seu receñecemento e, en consecuencia, non hai dereitos lingüísticos". Para Lobeira cómpre, en consecuencia, asinar novos convenios co Principado de Asturias e co Consello Comarcal do Bierzo para o uso administrativo do galego por parte das entidades locais, con apoio específico en materia de restitución da toponimia, estudos sociolingüísticos, cursos para traballadores da función pública, rotulacións e sinalizacións e documentación bilingüe.
Asemade, a proposta quere que o Parlamento inste ao Goberno da Xunta a mellorar a recepción do sinal da CRTVG nas comarcas do Bierzo, As Portelas e o Eo-Navia, así como a incrementar a cobertura informativa procedente destas comarcas e das localidades do Val de Ellas na programación dos meios de comunicación públicos de titularidade galega. Por outra parte, a iniciativa nacionalista recolle tamén outras medidas, como a extensión a estas comarcas das campañas de fomento da lectura en galego e de promoción do idioma e apoiar o uso do galego nos meios de comunicación destas comarcas.
Finalmente, a proposición non de lei tamén reclama que se revise e mellore o convenio de colaboración para o ensino do galego no Bierzo asinado en 2001 entre os gobernos autonómicos, nomeadamente no tocante á oferta do galego nos centros escolares, e á creación da Sección de Lingua galega no Centro de Formación do Profesorado e Innovación Educativa de Ponferrada.
O Plan de Normalización Lingüística recolle tamén un abano de medidas para a protección do galego estremeiro, pero aínda non foron aplicadas. Nese Plan non se recollían alusións a Estremadura.