Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PALLASOS EN REBELDÍA VIAXA A MÉXICO

Risos dende Chiapas

O mércores 13 de abril partía de Compostela a VI Caravana de solidariedade galega con destino ás Comunidades Zapatistas de Chiapas, no sureste mexicano. Iván Prado (Director do Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown e da compañía Os Sete Magníficos Máis Un), Fran Ameijeiras e o malabarista David Bruzos, membros do colectivo Pallasos en Rebeldía, comezaron no municipio de Roberto Barrios do V Caracol Zapatista, "O Caracol que fala para Todos", a súa viaxe pola selva indíxena. Alí, os representantes da Xunta de Bon Goberno déronlles a benvida e mantiveron un encontro no que aprobaron as propostas dos Pallasos de Galicia.

- 11:32 18/04/2006
Tags:

Tralos primeiros risos provocados á comunidade de Roberto Barrios co pase do espectáculo "A Cadeira Voadora" na súa versión zapatista, a próxima parada dos integrantes da Caravana será o centro de formación zapatista de Jojla, no sur do Caracol, onde impartirán talleres de clown, malabares e xogos cooperativos a oitenta promotores de educación.

Son obradoiros de formación de educadores nas ferramentas do teatro e a comunicación, como instrumento de expresión da cultura e da necesidade dos pobos indíxenas. Deste xeito fomentarase a creación de obras impulsadas por promotores locais, que teñen o seu xermolo nesta Escola de Pallasos da Selva Lacandona. Este proxecto formúlase coma un apoio permanente para avanzaren na construción da súa autonomía e mellorar as súas condicións de vida. Esta é a contribución de Pallasos en Rebeldía e do Festiclown á causa zapatista, movemento que desde 1994 mantén en alza a bandeira da rebeldía mundial para reclamar unha forma de organización autónoma indíxena.

Os "pallasos de Galicia", o nome que lles dan na selva indíxena, actuarán para as Comunidades en Rebeldía cunha versión zapatista da obra da compañía Os 7 Magníficos + 1 (da que Iván Prado é o director), "A cadeira voadora". É unha combinación de farsas clásicas de circo adaptadas á realidade indíxena, e gags cómicos aderezados con agudas críticas ao Goberno Mexicano. En escena, ademais dos malabaristas, un ridículo dúo de médicos tratarán de ilustrar coas súas torpezas a loita dos e das compas zapatistas pola creación dun sistema sanitario autónomo fronte á presión do goberno mexicano, e un mago que relatará a máxia dos cores da rebeldía. A solidariedade galega viaxará a Chiapas en forma de risos e teatro, pero tamén de material escolar que será entregado nas escolas zapatistas e medicinas para as clínicas de saúde.

Iván Prado conta que chegaron ao Caracol que Fala para Todos despois de 42 horas de viaxe: avión, autobús e redila. Logo dunha espera de tres horas para entrar na zona de resistencia, foron recibidos pola Xunta de Bo Goberno.

Cunha escenografía integrada por tres pallasos, un cartel do Che, a casa da Xunta cun caracol de río do que nace un ceo de esperanza rebelde, e o "abuelo" (como chaman os indios ao baúl), clown, malabares e xogos cooperativos fan gozar aos nenos e non tan nenos da zona de resistencia. Escóitanse aplausos e vivas para o Exército Zapatista de Liberación Nacional e para os Pallasos en Rebeldía de Galiza. A función rematou, os pallasos xa chegaron a territorio rebelde. En breve marchan a Jolja, o centro de formación da zona sur do caracol, para dar talleres a 80 promotores de educación choles.


0/5 (0 votos)