"Todos os gobernos deben evitar as detencións secretas e as entregas extraordinarias e investigar e xulgar os seus responsábeis", insistiu este martes Irene Khan, secretaria xeral de Amnistía Internacional. No seu recente estudo "Fóra de Radar", o colectivo denuncia que a axencia de espionaxe estadounidense, a CIA, está usando agora empresas "tapadeira" para realizar os voos secretos utilizados para as súas operacións ilegais de detención e traslado de presuntos terroristas.
Amnistía Internacional pide que a transferencia de calquera persoa detida a outro país "debe realizarse coas salvagardas axeitadas, incluída a supervisión xudicial e o uso de avións oficiais". Así, lémbranlle ao goberno estadounidense que se asegure que toda persoa baixo a súa custodia en calquera lugar do planeta "poida exercer o seu dereito a recibir asistencia letrada e a un proceso legal xusto e transparente".
Do mesmo xeito deben ser públicas "as identidade e o paradoiro das persoas recluídas en secreto e a súa situación legal". Ao tempo, piden que se poña el liberdade a todos os detidos "en lugares non revelados, agás que sexan acusados dalgún delito recoñecido internacionalmente e xulgados sen demora e con garantías".
Amnistía detectou que a Cia manipulou prácticas establecidas no ámbito da navegación aérea para non declarar os seus voos ás autoridades de aviación. O estudo da asociación ofrece detalle de datos, con ducias de aeroportos de todo o mundo, Europa incluída, de onde saíron e chegaron avións asociados a esas entregas extraordinarias e acompaña dunha lista de aeroliñas privadas con permiso para operar nas bases militares estadounidenses de todo o mundo.