Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DÚAS ESTREAS E 'TRISTESSE BLEUE', DOS PORTUGUESES MC4-DANÇA

O Marco acolle o V Festival Alternativo de Teatro e Danza

Entre o venres 10 e o sábado 11, o Marco será o escenario do V Festival Alternativo de Teatro e Danza de Vigo, este ano con dúas estreas: Aquí? Agora?, da bailarina e coreógrafa viguesa Olga Cameselle e o actor Alfredo Rodríguez, e Let me follow in your footsteps, dos daneses de Kuattro Dance Ensemble. As dúas o venres, a partir das 20 horas. O sábado, á mesma hora, Tristesse bleue, dos portugueses de MC4-dança, baseado na obra de Saint-Exupéry O principiño.

- 11:10 09/03/2006
Tags:

O espectáculo de Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez é, segundo a información do Marco, "unha experiencia performática en continuo proceso, usando obxectos coma pegada dese momento". O espazo teatral sería un eixo "arredor do cal o público está invitado a estar ou circular".

Os daneses de Kuattro Dance Ensemble -coreografía de Ingrid Tranum; bailan Jordi Casanova, Linda Remahl e a mesma Tranum- enxergan a coreografía a partir dunha "tráxica e absurda figura que segue o rastro dunha muller á que nin sequera coñece". Así resumen a virtude narrativa final: "¿Non é máis doado adorar a un zapato que á muller que o calza?".

Para pechar, os portugueses de MC4-dança, coa dirección de Jefferson Petrillo Nunes, música de Pedro Ribeiro e Píres na videocreación, presentarán a súa tristura "en tons azuis. Unha muller sentada, soa, deseñando poesía en pensamentos (le Tuxa Gonçalves)". Avisan que non é nada conceptual, "a penas emoción pura e verdadeira".


0/5 (0 votos)