Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O FUNDADOR DE EROSKI DI QUE BRUXELAS "DEBERÍA OCUPARNOS SÓ O 5% DO TEMPO"

Antonio Cancelo: "A forza da intercooperación non a coñece ninguén"

Antonio Cancelo (Puebla de Sanabria, 1936) foi o primeiro presidente de Eroski -de "erosi", mercar, en dialecto guipuzcoano-. Entre 1995 e 2001 presidiu Mondragón Corporación Cooperativa (MCC), o holding sui generis que integra distribución, finanzas e industria, con Fagor ou Orbea, e que hoxe é o primeiro grupo cooperativo do mundo e a sexta empresa do Estado español. Ao seu mando, MCC creou 44 novos centros e dobrou as expectativas de emprego. Observa "a beleza" da creación empresarial, fala do ETA mata, Eroski financia e de Amancio Ortega, e remarca que a intercooperación "debe estar nos valores dunha sociedade". Convidado no V Congreso sobre Cooperativismo Agrario que se celebrou en Compostela, considera que as cousas en Galiza "igual se poden cambiar en vinte anos".

Óscar Iglesias - 13:10 07/03/2006
Tags:

Vieiros: Veu vostede a Santiago a falar dos retos e oportunidades das cooperativas, estratexias ante a globalización dos mercados. Unha síntese?

Antonio Cancelo
: O primeiro reto é que sexan conscientes de que estamos no inicio dun proceso de cambio profundo. Cambiaron os clientes, os proveedores e os competidores. Quizais as entidades que menos capacidade de adaptación amosaron son as cooperativas. Retos? A democracia, que se entende coma unha realidade custosa... e a capitalización: non pode ser que a preocupación máxima sexa a liquidación da colleita. Aquí as cooperativas teñen unha debilidade intrínseca, pois os socios financeiros con recursos adoitan investir noutra parte� O outro reto, a internacionalización, non se fai sen recursos financeiros, non se trata só de vender, hai que facer implantacións produtivas. E logo a competitividade, creo que seguimos demasiado obsesionados con Bruxelas� iso podía ocupar o 5% do tempo, o resto é mercado, mercado e mercado, e sabendo que hai que competir con empresas de todo o mundo, non se pode manter a mesma estrutura da oferta. Moitas cooperativas ofrecen monoproduto, cando o cliente ao que se dirixen necesita ofertas amplas durante once meses do ano. Outra cuestión é a do coñecemento. O mundo agrario ofrece poucos atractivos para os xoves con formación, e iso hai que resolvelo. As cooperativas miran moito o embigo, eu nunca vin nun congreso internacional de márketing a ningún cooperativista� e tamén está o tema dos traballadores�

Sendo o maior grupo cooperativo do mundo, con investimentos en 17 países, unha facturación anual de 9.200 millóns e outros 8.400 en aforros de terceiros, non lle causa problemas empresariais a MCC conservar o seu modelo de xestión?
Ese é un erro conceptual apontoado por intelectuais que na vida fixeron unha cooperativa� lembro un teórico que me comentaba as feblezas da cooperativa cando medra... Predicar e non poñer ladrillos é moi doado, pero poñéndoos líxanse as mans. Construír cooperativas é profundamente transformador porque supón riparlle o traballo ao capital para poñelo nas mans do traballador. Por iso é importante.

Dos case 50.000 traballadores de Eroski, 8.000 son socios cooperativistas e o resto, empregados por conta allea�
As tendencias máis de esquerda confunden os campos� a competitividade é sospeitosa, pero o mercado non se pode obviar, tanto dá cal sexa a empresa. Cando falo do papel dos traballadores estou falando dun compromiso social que as cooperativas agrarias de hoxendía non afrontan. Desde o punto de vista do traballador, a el qué máis lle dá que o patrón posúa as accións ou as terras? A cuestión é qué espazo ten o traballador no xogo cooperativo. Eu non quixera asalariar traballadores.

Cómo valora a viaxe de MCC desque o cura Arizmendiarrieta xuntou a media ducia de cooperativistas guipuzcoanos en 1956?
Podía falarse de milagre, pero non hai milagres. É unha mestura de visión e de compromiso. Se era posíbel noutros sitios, por qué nós non? Houbo moito amor ao risco, a empresa é un proxecto inacabado onde hai que asumir o cambio como valor. As respostas non están no pasado, hai que construílas. Agora MCC son case cen cooperativas cun grupo de distribución, outro financeiro e outro industrial. Funcionamos así desde 1991, tratábase de sumar forzas que se perderían no illamento para xerar unha forza conxunta. MCC é unha corporación sui generis. Non é un holding, é ao revés, o ente corporativo pertence ás bases cooperativas... Desde logo, semellantes valores non son posibeis nun grupo pequeno, aí son posibeis os contactos. Ao pasar por un pavillón vin "Juan S. coop.". Unha cooperativa moi pequena, se é dun Juan só�

A cooperativa era galega, non?
Sí, e hai unha analoxía� en Galiza tedes un gran empresario (Amancio Ortega) que nunca aparece nos medios. Por que non, desde unha reflexión intelectual, vemos a diferencia entre o meu patrimonio persoal, que son corenta millóns de pesetas, e o dese empresario? E non o deslexitimo, ollo, pero esa é a diferencia entre un compromiso cooperativo e un compromiso puramente empresarial. Ningunha persoa se pode enriquecer en Eroski. Se Eroski fose unha sociedade por accións e eu tivese o 5%, e ben sabe Deus que xa o puxen, podería ter un capital de 40.000 millóns de pesetas. Construír unha ou outra realidade é ben diferente.

A estratexia de Eroski no Estado español serviu para conservar a familiaridade do súper local en Valencia, Murcia ou Galiza (Vegonsa) sen impoñer simbolicamente a súa imaxe de marca�
A min iso paréceme bo� nós sempre quixemos comprometernos cos espazos nos que nos instalabamos. A desaparición de empresas de tamaño medio era algo cantado, quen non o vise� por certo que os que nos venderon as empresas están moi satisfeitos.

Pero exportar ou non exportar o cartel "Eroski" debateuse moito no seu momento�
Cando no 90 decidimos saír fóra de Euscadi, unha das grandes discusións foi a marca coa que debiamos saír� estabamos divididos ao 50%. Esta foi unha das pouquísimas decisións que tomei a título persoal. E díxenlles que había que saír coa marca Eroski. Qué pasa, que temos algo que agochar? Que o empregarán mal? Que o empregue mal quen queira, díxenlles, e saímos con Eroski.

O apoio do Goberno vasco está escrito nos convenios con MCC desde 1991 e antes tamén con Eroski, anque agora non haxa axudas directas...
Iso apetéceme moito comentalo. Eroski non tivo ningún apoio que non estivese previsto en ningún programa con empresas coas características de Eroski; calquera outra puido acceder a el. Cando eu era presidente impulsei a colaboración pública privada coma unha necesidade imperiosa para darlle á sociedade e aos cidadáns opcións de emprego e desenvolvemento. Eu non coñezo a ningún partido político que se presente ás eleccións que non fale de crear emprego, e os Gobernos non crean emprego� Se o queren facer, necesitan partners na sociedade, e quen vai ser partner? O primeiro convenio que fixemos supuxo pechar un compromiso a catro anos co dobre de empregos requeridos. 16.000 sobre os 8.000 que se nos esixían. Iso non se pode facer desde unha cooperativa illada. A forza da intercooperación non a coñece ninguén, pero iso ten que estar nos valores dunha sociedade. Nese sentido, hai sinais alentadores en Aragón, Cataluña e Valencia, despois da nosa triste ruptura con Consumer, e se falamos das cooperativas agrarias habería que mencionar a Covap e Coren, pero en España cómpre un xiro copernicano.

Coren é a primeira cooperativa agraria do Estado por facturación. Considéraa un modelo a seguir como cooperativa?
Non sei, non a visitei nunca.

Eroski viviu antes cós empresarios do cava os intentos de boicot do nacionalismo español�
A min tocoume liderar o momento máis duro, porque as acusacións� ás veces aparecía escrito "Eta mata, Eroski financia". Un séntese desprotexido nunha situación na que non podes amosar nada se a xente non quere ver, así que visitei a Aznar e fixen unha xira por todos os medios de comunicación, estiven cos vintecinco popes do xornalismo en España, entre eles Carlos Dávila� Díxenlles "se sodes racionais, entenderédesme". Se colledes unha cooperativa de Hernani, responderá á socioloxía de Hernani, é dicir, haberá unha maioría de simpatizantes de HB. E se colledes unha de Bilbao, haberá moita xente do PNV, un cupo socialista importante e moito menos do PP� E no Corte Inglés de Bilbao pasará o mesmo. Orabén, se colledes unha empresa nosa de Granada, Vigo ou Bos Aires, seguro que non atopades a ninguén de HB. Agora MCC xa ten máis da metade do emprego fóra de Euscadi. Aquilo sorprendeulles bastante. Somos tributarios do entorno no que estamos. Outra cousa é que algunhas acusacións respondan a intereses políticos creados�

En Euscadi teñen Iparlat, un grupo lácteo do país, pero en Galiza dilapidáronse máis de 10.000 millóns de pesetas entre 1987 e 1996 e, agora mesmo, as empresas galegas non envasan máis do 25% do leite de Galiza. Por outra parte, o 80% da facturación anual das cooperativas galegas débese ás de segundo grao. Cómo valora a intercooperación en Galiza?
Eu intentaría crear algúns liderados fortes con xente nova� Hai que apoialos dándolles formación e plataformas� Hoxe Galiza debe saber que o seu futuro depende da capacidade das súas xentes e do compromiso que as xentes con capacidade estean dispostas a asumir para contribuír ao desenvolvemento social do seu país. Fálase moito de infraestruturas� as máis importantes son as mentais, que deben alicerzarse en valores propios pero rupturistas.

A agricultura ecolóxica está por desenvolver en Galiza, e a trazabilidade alimentaria só é unha esixencia para sobrevivir...
Igual o desenvolvemento pasa por optimizar o que ten Galiza no sector tradicional, pero incorporando sectores novos. Só no tradicional non pode sobrevivir, a agricultura é un espazo limitado, e ademais entran países terceiros aos que hai que facilitarlles a entrada. O custo relativo dos factores de produción xa non nos son favorabeis para facer actividades con escaso valor engadido. O valor engadido sae do coñecemento...

Comezando polas escolas técnicas a pé de campo, non?
Na historia de Euscadi, ese foi un dos alicerces do desenvolvemento comarcal. Non a Universidade, senón as escolas de FP, coma quen di. Na comarca de Leartibai, hai 25 anos, todo era agricultura e pesca. Hoxe, o 40% da poboación vive doutras actividades. Antes de crear a primeira cooperativa en Mondragón, en 1956, o sacerdote Arizmendiarrieta creou a primeira escola. Falamos da posguerra en Euscadi, 1942. Os alicerces do desenvolvemento son formación e innovación, é dicir, persoas e investigación. Canto lles adicamos? ¿Alguén sabe cal é o stock de coñecemento que existe en Galiza? E ese stock, coopera ou confróntase? O desenvolvemento que empregamos até o de agora, traendo empresas de fóra, acabouse. Os pobres de agora son xa outros, hai que renunciar ao individualismo cando non conduce a nada.

Tendo en conta a estrutura da propiedade e o abandono do campo nas últimas lexislaturas, canto lle bota até esa secularización total do rural galego?
En trinta anos pódense cambiar as cousas, ou igual vinte. Hai que ter paciencia, e empezar a formar xente. As persoas viven inspiradas na comodidade, pero se a comodidade se transforma nun valor, e cremos que ese valor existirá no futuro, estamos perdidos.

Que se pode esperar do novo Plan sobre Cooperativismo do Ministerio?
Pois non che podo dicir porque non o coñezo. Os políticos que participaron neste V Congreso nin o mencionaron. Si teño unha reflexión: oxalá acerten no enfoque, pero dá igual. O sector agrario está demasiado preocupado polas decisións que se toman fóra. Temos que facernos responsábeis do noso destino.


0/5 (0 votos)