Logo da primeira Xuntanza Apostática celebrada hai un mes no Centro Social O Pichel de Compostela, distintas persoas a título individual ou en representación de colectivos como COSAL-Galiza, VA-CA, DRA (Desenvolvemento Rural Alternativo), Maribolheiras Precarias, Arredemo ou a propia Burla Negra sentáronse arredor dunha mesa "pagá" co fin de deseñar as bases dunha campaña a prol da apostasía. O resultado é a creación de Arrenego, a "rede social apostática" que servirá de punto de encontro para todos aqueles que se queixan dar de baixa da Igrexa Católica, e "con vontade de montar cristos a prol dunha sociedade laica e aconfesional onde a liberdade de crenza e pensamento sexa real e non unha simple declaración de boas intencións constitucionais ou estatutistas".
Tras avaliar as implicacións xurídicas e espirituais da Apostasía, definida pola Igrexa Católica como un delito de pensamento, constatouse o carácter delictivo de todos e todas as presentes e a necesidade de autoinculparse masivamente perante as instancias eclesiais. Con este propósito constituiuse un grupo de traballo para organizar a primeira acción apostática colectiva, prevista para a vindeira Semana Santa en data aínda sen concretar. A acción consistirá nunha peregrinación apostática con partida desde Labacolla e chegada na Sé Arcebispal de Santiago, onde se entregarán as declaracións de autoinculpación, con diversas actividades lúdico-informativas durante o día e festa final apostática pola noite.
Acordouse difundir a iniciativa entre os colectivos sociais baixo o título xenérico de Arrenego!, que tamén dará nome a un blog e a unha rede galega de apóstatas, desde a que se prestará atención a todos os temas relacionados coa apostasía e a loita contra os privilexios merovinxios da Igrexa católica. Un dos principais obxectivos de Arrenego! será a elaboración dun censo galego de apóstatas así como a coordenación e comunicación social de accións e iniciativas apostáticas. Prestaráselles tamén especial atención a contidos heréticos e outras formas de experiencia relixiosa alternativa, e á reivindicación do paganismo tradicional galego como parte do noso patrimonio espiritual.
O grupo de traballo estará sediado no propio local de Arredemo e da Burla Negra no C.S. O Pichel e aberto a quen queira contribuir ou participar na elaboración da campaña.