Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS DE CARTEIS NO MNAC E NO MUSEU D’HISTÒRIA DE CATALUNYA

As orixes do cartelismo moderno: Toulouse-Lautrec e Ramón Casas

A segunda revolución industrial comportou máis empresas, máis concorrencia e o interese pola publicidade. A última década decimonona, no epílogo impresionista e na forza do imperialismo, aluma o cartel tal e como se coñecerá no século XX. Dúas institucións públicas, radicadas en Barcelona, exhiben esta primavera cartaces de Henri de Toulouse-Lautrec e de Ramón Casas, creados con poucos anos de diferenza. Quen non lembra a Jean Avril, Aristide Bruant ou ao Anís del Mono? A muller é simple reclamo publicitario nos cartaces de Casas? Por Lito Caramés.

- 10:03 06/03/2006
Tags:

O Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) presenta Toulouse-Lautrec i l’origen del cartell modern, unha exposición coa práctica totalidade dos cartaces creados polo pintor post-impresionista. Toulouse-Lautrec dedícase ao cartelismo na década dos 90 (1890) e faino no ambiente dos cabarés e da bohemia de Montmartre. Os carteis que temos visto reproducidos durante anos, están agora en Montjuïc: Jane Avril, Aristide Bruant, May Belfort.

Toulouse-Lautrec foi quen de simplificar os trazos da composición ata deixala en liñas que delimitan figuras e cores planas. A figura de Jane Avril ou Aristide Bruant son caras feitas con catro raias e un corpo reducido a un vestido monocromo. Esta simplificación –tan estraña naqueles anos e tan debedora da estampa xaponesa (ver May Belfort, irlandesa ela, como se dunha geisha se tratase)– é a forza dos seus deseños. Aristide Bruant en calquera dos carteis semella unha caricatura, o mesmo sucede co Moulin Rouge ou con Jane Avril. A receita é unha figura en primeiro plano e fondos insinuados, apenas riscados, dominado todo por tintas planas de cores brillantes e moi contrastadas: azuis, vermellos, grises ou negras.

A modernidade (que non o modernismo ou art nouveau, co que se levaba mal) de Henri de Toulouse-Lautrec vese tamén no monograma que inventa mesturando as súas tres iniciais: H-T-L, e que se pode ver en moitos dos papeis que agora colgan no MNAC. O Museu d’Història de Catalunya ofrece pola súa parte, e coetaneamente, Ramón Casas i el cartell. Ignoro se as dúas entidades planificaron a simultaneidade das exposicións, pero de non ser certo é acertado.

Se os carteis de Lautrec viñeron de Bruxelas (Musée d’Ixelles) os de Ramón Casas proceden de Valencia, do Museu Valencià de la Il·lustració i de la Modernitat. Casas, que viviu en París e coñeceu a obra de Toulouse-Lautrec, traballa o cartel en Barcelona para empresas daquela moi coñecidas. A súa obra publicitaria comeza aló polo 1897 e chega aos anos vinte, é dicir que comeza dez anos despois de Lautrec e hai que incluíla dentro do Modernismo e da ambivalencia de Casas: apostar pola modernidade deste novo medio de comunicación e manter o respecto ás formas estéticas convencionais. Por iso, Casas non é tan atrevido no tratamento dos temas como o fora Lautrec, usa cores suaves e composicións equilibradas: os primeiros planos non son tan dominantes e os fondos teñen relevancia e moitos elementos.

Do cartelismo de Casas hai que salientar a serie que fixo para a casa Bosch (augardentes de Badalona) e para o seu produto Anís del Mono. O artista escolleu o mono como símbolo do anís, con clara alusión á Teoría da Evolución e a Darwin. Pena. No Museo de Badalona estivo ata hai pouco outra que era complementaria desta, sobre a familia Bosch e Casas: Ramón Casas i el mono de l’anís. Tamén é coñecido o seu traballo para a casa Codorniu, para casas de tabacos (Cigarrillos París) e para empresas de automóbiles (Hispano-Suíza).

Nos cartaces de Casas, a muller é a protagonista indiscutible. Quen visite as salas do Museu d’Història de Catalunya comprobará que, cos ollares de hoxe, a utilización da muller como reclamo publicitario choca, retrotrae no tempo. É máis, fire sensibilidades. Ben é verdade que a comezos do século XX podíase facer unha lectura diferente: Casas presenta á muller como a musa da sociedade "moderna"; unha muller que fuma, bebe, conduce... As mulleres representadas son de diferente extracción social, segundo sexa o produto: a de Anís del Mono é unha "manola", a de Codorniu é da alta burguesía, moi refinada, a de Cigarrillos París semella unha cabareteira de Toulouse-Lautrec. Como entender estas diferenzas? Semella evidente que o artista utiliza un prototipo feminino para resaltar a modernidade dun obxecto e animar a un sector social ao seu consumo. Hoxe esta imaxe de muller é denunciada… daquela era revolucionaria? Tamén aquí se detecta a ambigüidade do Casas? A estética da muller como musa e canon de beleza clasicón morreu coas Demoiselles d’Avignon, o expresionismo alemán e todo o cubismo. Ramón Casas sabíao e mantivo o binomio modernidade industrial e conservadorismo estético.

Teñamos memoria tamén. Non hai moitos anos que corría polas nosas pantallas televisivas unha muller enriba dun cabalo branco, cartuxano, para anunciar un licor. Hoxe, nin moitos programas televisivos, nin escritos de teólogos, nin anuncios de xornais van máis aló. Que pouco andamos!! Estes días o goberno central aproba a "Lei de Igualdade", coa que pretende equiparar ás mulleres cos homes. Pero iso non está na Constitución e en cantos Papeis Honrosos hai nos foros internacionais?? Andamos?

____________

EXPOSICIÓNS
Toulouse-Lautrec i l’origen del cartell modern
MNAC – Montjuic
Ata 17 de abril
horario: de martes a sábado, de 10 a 19 h., domingos, 10-14,30 h.

Ramón Casas i el cartell
Museu d’Història de Catalunya (Palau de Mar)
Ata 23 de abril
Horario: de martes a sábado, de 10 a 19 h., domingos, 10-14,30 h.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: