Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E MEDIOS

A 'Víbora negra' non sairá en galego malia a TVG ceder a dobraxe

Hai tres semanas Vieiros preguntáballe á TVG os motivos de que non lle cedese a dobraxe da serie 'A Víbora negra' a unha distribuidora de deuvedés. As razóns situábanse na presunta mala calidade das versións realizadas nos anos oitenta. A partir dese momento A Mesa pola Normalización e as Ciberirmandades da Fala iniciaban sendas campañas para conseguir reverter esa situación e agora a TVG dá marcha atrás. Pero é xa demasiado tarde para distribuír os deuvedés.

- 19:08 03/03/2006
Tags:

A distribuidora catalá Cameo -participada pola produtora galega Continental- porá o 5 de abril no mercado os deuvedés completos d'A víbora negra, a mítica serie británica dos anos oitenta, pero farao sen versión en galego. A cesión por parte da TVG desta dobraxe fíxose tres semanas despois de que a mesma cadea rexeitase facelo, a preguntas de Vieiros. Daquela, para o ente público a dobraxe realizada nos anos oitenta "daba risa", e existe unha norma interna dos servizos lingüísticos da TVG que impide que os traballos deste tipo realizados antes de 1990 se reemitan ou se distribúan.

Para o director da televisión, Suso Iglesias, a "actitude da TVG é favorábel" a estes traballos de cooperación, e bótalle a culpa do trasacordo á falta dun seguimento correcto das canles de relación entre a distribuidora e a cadea. En todo caso, as normas que rexen esas dobraxes "seguen vixentes", e 'A víbora negra' sería unicamente unha excepción xa que "estamos a falar dunha distribución minoritaria", como sinalou Iglesias.

Porén, esta medida chega tarde de máis. A distribuidora xa ten realizado as gravacións, e incluír agora o galego suporíalle un custo de ao redor de 11.500 euros que a empresa catalá non está disposta a investir. Non está pechada a porta a que algunha entidade puidese achegar esta contía, pero non figura nas previsións da TVG facelo. A distribuidora conta con editar nos vindeiros meses a serie 'Allo Allo!', para a que si podería incluír a dobraxe de xeito gratuíto.

Shin Chan

Tamén se poderá ver en galego a serie Shin Chan a través da canle Cartoon Network, a quen a TVG lle cederá a dobraxe. As Mocidades da Mesa están a traballar para conseguir que a serie se emita tamén en Antena 3 en opción dual para que se poida escoller a opción de vela en galego.


Ligazóns

5/5 (1 votos)