Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PRIMEIRA LEI DO BIPARTITO

Os soldos de altos cargos, as adxudicacións, as subvencións da Xunta: todo ao paso dun clic

"É unha mostra de calidade democrática, de transparencia e achegamento da política á cidadanía". Así o quixo destacar Emilio Pérez Touriño na súa comparecencia deste xoves logo do Consello da Xunta. Vai para oito meses que eran polémica no mesmo escenario os intentos do goberno saínte de amarrar cargos de libre designación ou as aprobacións no gume do legal en ámbitos coma o eólico ou as concesións dixitais. Nese contexto, o acordo de goberno do bipartito subliñara a necesidade dunha "rexeración democrática" no ámbito dos poderes públicos. Así, PSdeG e BNG tiñan especial interés en escenificar a viraxe co impulso da Lei de Transparencia e Boas Prácticas da que o executivo vén de aprobar o anteproxecto.

- 17:05 02/03/2006
Tags:

"Reforzar as incompatibilidades dos altos cargos e promover unha lei de transparencia que contemple, entre outros aspectos, a regulación dun código de conduta dos empregados e cargos públicos". Así o recollía o documento consensuado por socialistas e nacionalistas o pasado verán, prometendo de xeito específico que se facilitaría a accesibilidade a través de internet e en tempo real "ás actuacións das institucións galegas, incluídas as estatísticas e os estudos demoscópicos oficiais" no contexto da "revitalización da vida democrática en Galiza, co fin de incrementar a eficacia e a transparencia no funcionamento dos poderes públicos".

Deste xeito a lei da que agora se aproba o anteproxecto incluirá a creación dun rexistro de "actividades e bens patrimoniais dos membros do Goberno", incluíndo os salarios de todos os membros do goberno autonómico e dos altos cargos da administración, que serán publicados e accesíbeis a todos os cidadáns través da web da Xunta. "É unha lei importante coa que se quere cumprir un compromiso que asegurei que se realizaría no primeiro período de sesións parlamentarias deste ano", gabou o presidente. Emilio Pérez Touriño destacou ademais que esta sexa a primeira lei impulsada polo bipartito.

No contexto da promesa de "eliminar o clientelismo e a manipulación informativa e respectar as iniciativas sociais desde o executivo destacan tamén que esta norma esixe a publicidade dos "criterios e baremos que rexan cada concurso para contratos públicos, cesións de contrato e subcontratacións" da Xunta de Galiza.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: