"Non hai garantías eficaces contra os abusos". Así o advertiu o secretario xeral do Consello de Europa, Terry Davis, na presentación do informe sobre as presuntas actividades ilegais da axencia de espionaxe estadounidense, a CIA en territorio europeo. A investigación, aberta logo das denuncias sobre os secuestros, o traslado de presos a través de aeroportos e a suposta existencia de cárceres secretos dos EUA no continente europeo, inclúe a denuncia directa a vinte estados, o español entre eles, que amosaron escasa colaboración para aclarar o acontecido.
A denuncia de que a loita contra o terrorismo non pode xustificar o incumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos foi subliñado esta semana por Terry Davis, secretario xeral do Consello de Europa. O informe do organismo que agrupa a 46 estados do continente amosa desacougantes resultados e acusa directamente a preto da metade dos seus integrantes de obstaculizar a investigación aberta despois das denuncias de colectivos defensores dos dereitos civís e das propias informacións sobre a actividade ilegal da CIA en Europa publicadas pola prensa estadounidense.
De xeito xeral, o estudo critica a falta de regulamentos xurídicos que controlen a actividade dos servizos secretos extranxeiros no ámbito europeo, cuestión sobre a que só lexislou Hungría. Italia, Polinia, España, Macedonia ou Bosnia Herzegovina son algúns dos estados aos que se acusa de falta de cooperación na achega de datos para este informe. "Semella que Europa é un excelente terreo de caz para os servizos secretos extranxeiros", laiouse Davis ao respecto.