Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUTOMOBILISMO

Celso Míguez continuará nas World Series

O piloto pontevedrés Celso Míguez continuará un ano máis na división de prata do automobilismo de alta velocidade, as World Series de Renault. Así o confirmaron fontes do seu equipo, o Pons Rácing. Na tempada 2005 Celso Míguez só puido ser o 19º piloto da clasficación cun 5º posto como mellor resultado nunha proba.

- 14:11 17/02/2006
Tags:

O equipo catalán Pons Racing estará de novo na grella de saída da World Series by Renault, a división de prata do automobilismo de alta velocidade. Aos mandos dos seus bólidos estarán o inglés James Rossiter e o pontevedrés Celso Míguez, que vestirá o buzo do Pons por segunda tempada consecutiva na categoría.

O experimentado piloto oxoniense James Rossiter obtivo varias vitorias en Fórmula Renault, na British F3 e, o pasado ano, nas F3 Euro Series. Na tempada 2006 este piloto inglés de vinte e dous anos centrarase nas actividades de Pons Racing nas World Series e mentres continuará co seu papel no equipo Honda Racing de Fórmula 1. O equipo Pons Racing, dirixido polo dobre campión mundial de motociclismo Sito Pons, botará a terceira tempada nas World Series, logo de seren campións en 2004 con Heikki Kovalainen, agora piloto oficial de probas de Renault Formula 1, e subcampións en 2005 con Adrián Vallés. O director técnico do equipo, Jesús Sánchez, continuará nas súas funcións na nova tempada.

Este ano, as World Series by Renault terán 17 carreiras repartidas en oito países e nove circuítos diferentes, e co atractivo engadido de competir no lendario circuíto de Mónaco. A tempada iniciarase o 30 de abril no circuíto belga de Zolder.


0/5 (0 votos)