"O exercicio dun dereito supón tamén a asunción dunha responsabilidade", afirmou o comisario europeo de Seguridade, Liberdade e Xustiza, Franco Frattini, nunha entrevista para o xornal inglés Daily Telegraph onde se laiou da "humillación" a millóns de musulmáns pola publicación dos debuxos cómicos sobre Mafomede. Frattini, que xa se pronunciara hai días sobre o acontecido, propón agora que a Comisión Europea e os medios de comunicación do continente acorden un "código de conducta" para a autorregulación dos xornais que evite a repetición de sucesos similares. "A UE debe enfrontar un problema real: a necesidade de reconciliar dúas liberdades fundamentais: a de expresión e a liberdade relixiosa".