"Debemos ser capaces de desenvolver políticas comúns neste terreo e confío que imos atopar un espazo común". Así o comentaba este luns o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao respecto dun tema que non estaba oficialmente entre as mesas de traballo organizadas polas administracións galega e asturiana, pero da que os dous mandatarios recoñeceron que si estivo entre as preocupacións tratadas. Deste xeito, tanto Touriño como Areces coincidiron en que as especiais características demográficas das dúas comunidades, coincidindo na dispersión da poboación e na elevada porcentaxe de persoas maiores, deben terse en conta para o debate do financiamento autonómico.
cara á revisión do actual modelo de financiamento foi asunto destacado na rolda conxunta que deron o presidente da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces. Os dous mandatarios coincidiron na avaliación das posibilidades de colaboración cara ao novo escenario que ten cita inminente co próximo Consello de Política Fiscal e Financieira a comezos de febreiro.
Touriño referiuse ao "maior custo dos servizos públicos" que comunidades coma Galiza e Asturias deben afrontar debido á dispersión dos núcleos poboacionais e ao avellentamento da poboación. Así, opinaron que a revisión do financiamento debe ter en conta esas características e responder ás maiores esixencias económicas galegas e asturianas. No mesmo sentido se referiron ao respecto do Fondo de Compensación Interterritorial e ao Fondo de Suficiencia. "É necesario que estes instrumentos cumpran coas funcións básicas que a Constitución xa deixou previsto", apuntou Touriño, "debe mirarse polos reequilibrios territoriais e a cohesión social e igualdade dos cidadáns".